Adif prevé suprimir un terzo dos 144 pasos a nivel que aínda hai na Galiza

O número de cruzamentos de vías abeiraba os 300 en 2007.­­

O paso a nivel de Recimil, en Lugo, onde esta semana un tren atropelou un vehículo matando dous dos seus ocupantes e ficando un terceiro ferido grave, ía ser eliminado nos vindeiros meses. O proxecto estaba a piques de saír a licitación e fai parte dun plan específico para a eliminación de 14 pasos a nivel na cidade de Lugo

Na Galiza hai, segundo datos que o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) remitíu a Nós Diario, case 150 pasos a nivel. En concreto, 144, que son moitos menos dos que había en 2007, cando abeiraban os 300.

Na rede ferroviaria galega hai aínda 144 pasos a nivel, aínda que "todos eles con protección adecuada ao seu grao de uso, conforme á normativa", explica ADIF.

Nos seus plans máis inmediatos ten en marcha 46 proxectos de supresión de pasos a nivel na rede ferroviaria da Galiza: un paso a nivel en Betanzos; 2 en Ourense; 14 en Sarria; outros os 14 mencionados en Lugo; 5 en Monforte de Lemos; un no Porriño; 2 en Valga; 3 en Catoira; un en Rábade e 3 no ramal de acceso ao porto de Marín.

A rede ferroviaria no Estado español conta con 2.919 pasos a nivel--no mundo elévase este dato ao medio millón-, con dous tipos de sinalización para a súa protección: a pasiva (sinais verticais e horizontais de estrada e na vía férrea) e a activa (protección pasiva máis sinais luminosos, acústicas e, no seu caso, barreiras que se activan co paso dos trens).

Adif vai abordar a modernización de máis de 1.000 pasos a nivel na rede ferroviaria convencional e de ancho métrico, con actuacións que supoñerán un investimento de 17 millóns de euros.

En relación coas taxas de accidentalidade, o Estado español está situado entre os mellores de Europa, con menos de dous accidentes ao ano por cada milleiro de pasos a nivel.