Adían unha cirurxía de cancro de páncreas no CHUS por falta de sangue coa doente xa sedada

Servizo de Anestesioloxía do Hospital Clínico de Santiago. (Foto: Sergas)
A paciente rematara hai un mes o tratamento de quimioterapia e o persoal médico decidira pospor o seguinte para non arriscar pola proximidade desta cirurxía que, porén, non chegou a realizarse malia levar unha hora sedada e preparada no quirófano.

A paciente L.L., ingresada no Hospital Clínico de Santiago de Compostela por mor dun tumor no páncreas, estaba a recibir desde o pasado febreiro un tratamento con quimioterapia para reducilo e facilitar así a súa extirpación, dado que se atopa nunha zona sensíbel. Un mes atrás rematou o citado tratamento e, desde entón, non recibiu ningún outro antes da agardada data da intervención cirúrxica, na mañá desta segunda feira, xa que as súas defensas estaban baixas e non querían "arriscar" pola proximidade desa operación. O día previo preparouse para visitar o quirófano e só puido inxerir líquidos e laxantes.

E chegado o día, entrou na sala de intervencións a primeira hora da mañá; aparentemente todo ía segundo o previsto. Porén, cando a doente levaba xa unha hora sedada e tiña o catéter epidural colocado, unha profesional irrompeu e comunicou que a cirurxía quedaba suspendida. O motivo, "non hai sangue nas reservas". Adiábase até o 26 de xullo.

A operación adiouse, por "falta de sangue", cando xa levaba unha hora sedada no quirófano

Nós Diario conversa coa irmá desta paciente para coñecer os feitos de primeira man: "O anestesista coñecía o caso da miña irmá porque temos unha persoa de contacto, que o chamou na sexta feira para confirmar que viría hoxe [por onte] ao quirófano. El sabía que había pouco sangue, mais contaba con que, unha vez sedada no quirófano e téndose preparado ela desde hai tanto, habería sorte. Mais non, había programadas outras tres operacións que non se puideron facer. De feito, a enfermeira comentoulle á miña irmá que unha persoa que si foi intervida quedou sen sangue en metade da operación".

A familia non lograba entender o que acontecía. De feito, o propio persoal médico recomendoulles presentar unha reclamación formal, e así o fixeron.

Fontes do Sergas consultadas por este xornal sinalan a respecto deste caso que "a operación se suspende e reprograma porque as reservas de sangue están baixas e porque xorden emerxencias vitais que requiren de tales reservas". Ante esta situación, "e sempre seguindo criterios clínicos", matizan, "priorízanse as Intervencións de Riscos extremos".

Desde o Sergas xustifican que o atraso na intervención "non vai supor un empeoramento na patoloxía da paciente"

As mesmas fontes afirman ser "conscientes" do "trastorno e inquedanza" para a familia, se ben subliñan que "desde o hospital procúrase a seguridade de todos os pacientes". "O atraso na intervención non vai supor un empeoramento na patoloxía da paciente", insisten.

Mais a visión da familia neste punto é diferente: "Advertírannos de que se o día anterior había un transplante ou outra intervención urxente habería que pospolo, mais iso tiñan que sabelo moito antes de levala ao quirófano e sedala, con todo o que isto supuxo e supón tanto para ela como para a familia, xa non só pola súa doenza, senón a nivel emocional, toda a carga que está a soportar, co tratamento cortado...", salienta a súa irmá.

Aliás, expresa as súas dúbidas sobre que a operación poida realizarse finalmente o día 26: "Como podemos saber que ese día vai haber sangue dispoñíbel?", lamenta.

As reservas de sangue, de feito, áchanse en niveis mínimos en todo o país, polo que desde o Sergas urxen a poboación a doar, "especialmente dos grupos A Positivo, A negativo e 0 Positivo".

Mais desde a Asociación de Pacientes do CHUS, o seu presidente, Fernando Abraldes, indica a Nós Diario: "Non é un problema de falta de doantes, senón dunha mala xestión de recursos públicos. A prioridade refírese ao tempo de espera máximo pola data da cirurxía, pero non podes causar este dano físico e moral á paciente e logo suspendela".

"Sorprende que non soubesen previamente que non había sangue", di unha traballadora de cardioloxía

Precisamente unha traballadora do servizo de cardioloxía mostra a este xornal a súa sorpresa por este caso: "Entre 24 e 48 horas antes dunha intervención cirúrxica programada faise unha reserva no 'banco'. Sorprende que non soubesen que non a había previamente a preparala para o quirófano".