A Asociación de Pacientes do CHUS, sobre a cirurxía de cancro adiada: "Están tomando á lixeira as nosas vidas"

Hospital Clínico de Santiago de Compostela. (Foto: Sergas)
O colectivo reacciona ao testemuño da irmá dunha doente de cancro de páncreas, adiantado por 'Nós Diario', que viu suspendida a intervención após levar unha hora sedada no quirófano por falta de sangue. "Como se xoga sen escrúpulos co sufrimento psicolóxico dos doentes e das familias?", lamentan.

O testemuño dunha doente de cancro de páncreas que viu adiada a súa intervención cirúrxica por falta de sangue nas reservas do Hospital Clínico de Santiago —do que informa Nós Diario esta terza feira—, a pesar de chegar a ser sedada no quirófano, está a provocar múltiples reaccións.

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS vén de emitir un comunicado no que advirte do risco que supón este atraso: "Leva un tempo sen ser tratada con quimioterapia, o que aumenta o risco de metástase e, de chegar a producirse, non habería cirurxía posíbel".

Cómpre lembrar que fontes do Sergas consultadas por este xornal afirmaban que a demora —a operación foi fixada agora o día 26 de xullo— "non vai supor un empeoramento na patoloxía da paciente", unha cuestión que replicaba a súa irmá, nunhas declaracións ofrecidas tamén a Nós Diario nas que alertaba do dano a nivel "físico e emocional".

O presidente da Asociación de Pacientes, Fernando Abraldes, apuntaba a este medio que esta situación "non se deriva da falta de doantes, senón dunha mala xestión dos recursos públicos". E nesa liña volve apuntar agora o colectivo.

"Unha vez máis o aforro de recursos e a mala organización están prexudicando de forma moi importante as persoas pacientes que precisan atención durante este tempo, tomado polas autoridades sanitarias como 'de vacacións', só que os problemas dos enfermos continúan estando aí", sinalan.

A respecto da situación padecida por esta doente, L.L., subliñan que, se ben é "lóxico" priorizar as reservas de sangue en caso de escaseza, "iso non xustifica a falta de previsión e a desorganización evidente, que incrementan aínda máis a sensación de vulnerabilidade e malestar que xa provoca un proceso grave por si mesmo".

"Como pode iniciarse unha intervención sen que se comprobe previamente a dispoñibilidade de todos os elementos necesarios?", lamenta o colectivo

"Como pode ser que haxa dificultades para atopar data para unha paciente de 'prioridade 1'? Como pode ser que se inicie unha intervención sen que se comprobe previamente a dispoñibilidade de todos os elementos necesarios para levala a cabo? Como se xoga sen escrúpulos co sufrimento psicolóxico dos doentes e das familias?", cuestionan desde a asociación.

Así, ven neste caso un "incumprimento flagrante" do artigo 6.1 da Lei de saúde da Galiza de 2008: "Someter unha paciente e os seus familiares a un proceso de atención traumático pola súa transcendencia que deberá ser repetido nas próximas datas constítue non só un maior custo na atención, senón sobre todo unha vulneración de dereitos con amplo amparo legal", indican, sobre este apartado da lei que recoñece "o dereito das persoas á integridade física e psíquica na súa relación co sistema público de saúde".

"Non só están prexudicando o noso benestar, están tomando á lixeira as nosas vidas. Como cidadáns, temos dereito a unha atención de calidade nos prazos adecuados tendo en conta a nosa doenza e a que se poñan á nosa disposición os recursos precisos, humanos e materiais, para que poida ser realidade", conclúe o colectivo no seu comunicado.