As adegas Martín Códax ceden sulfatadoras a concellos polo coronavirus

Atomizador chegando a Catoira (Nós Diario)

As familias desta empresa vitivinícola puxeron a disposición dos municipios atomizadores para que realicen traballos de desinfección.

A solidariedade está no noso ADN. As familias das adegas Martín Códax comezaron cedendo ao concello de Cambados un atomizador, sulfatadora de grandes dimensións, para que axudara nese municipio aos traballos de desinfección para loitar contra a presenza da Covid-19 e xa hai varias administracións locais interesadas en contar con eles.

“Estamos radicados en Cambados e colaboramos moito co concello”, explica a Nós Diario Xoán Allegue, director destas adegas, “e a idea xurdiu cando vimos como viñan os militares a desinfectar”. Relata que para calquera que traballe no sector é evidente que o material que empregaban desde o exército español “eran terceiromundistas”.

Foi nese intre cando falaron e puxeron a disposición do seu concello os atomizadores. “Non deixan de ser sulfatadoras enormes, a miña ten capacidade para 1.500 litros cando a mochila dunha soldado pode transportar só 15 litros”.

A experiencia pasou agora a Catoira e para os vindeiros días agardan Mugardos e Ares.

O seu funcionamento é moi sinxelo. “O atomizador vai arrastrado por unha máquina, no noso país hai tractores de abondo, e podes abrir coas billas ou directamente pistoleando atrás con moita presión”, explica Xoán Allegue.

O liquido que se prepara para desinfectar créase a base de auga cun desinfectante recomendado por un técnico. “É como unha lixivia moi diluída”. As familias das adegas Martín Códax cederánse entre ellas os atomizadores que precisen para as súas propias explotacións vitivinícolas o tempo que dure esta situación para poder seguir cos traballos propios desta tempada.