Así o denunciou a formación política Somos Cambados, da órbita de En Marea, nun comunicado de prensa. “Entre os propietarios do inmoble no que ten a sede local o actual Partido Popular de Cambados desde hai máis de 30 anos figura Vicente Otero Pérez, alias Terito”, afirma.
O partido de esquerdas engade o texto do Rexistro da Propiedade da localidade do Salnés “que calquera pode consultar”: “Vicente Otero Pérez, en pleno dominio y de carácter privativo. Título: adquirida por título de compraventa en virtud de Escritura pública, autorizada por el notario de Cambados, el día 29 de abril de 1981”.
Somos Cambados responde así ás acusacións do PP local contra a alcaldesa Fátima Abal, do Partido Socialista, á que vinculan cunha sociedade mercantil dun familiar. Somos Cambados fai parte do goberno local. “O PP de Cambados está a demostrar que non lle importan nada nin a imaxe nin os veciños nin o nome da vila”, indica, “mais se o PP de Luis Aragunde pensa seguir con estas políticas e acusacións, por coherencia, igual víñalles ben valorar un cambio de sede”.