Cultura

Os premios Martín Códax da Música dan máis poder de decisión ás artistas socias

Un total de 20 proxectos serán galardoados por Músicas ao Vivo
Martin codax
photo_camera Imaxe de finalistas dunha das edicións dos premios (Martín Códax)

Os premios Martín Códax da Música Galega continúan a se consolidar sumando unha sétima edición, que se presenta con algunhas mudanzas con respecto ao sistema de voto, así como cun aumento de categorías. Xiana Lastra, presidenta de Músicas ao Vivo, asociación responsábel dos galardóns, resumiu a vontade "recoñecer e facer rendíbel o potencial da nosa música" que os motiva. Estas declaracións responden á festa de presentación que tivo lugar onte á noite na Sala Sónar de Compostela, un acto que contou coa asistencia de numerosas profesionais do sector, dando conta, en palabras da organización, da "boa acollida" que reciben cada ano.

Xiana Lastra, presidenta de Músicas ao Vivo, asociación responsábel dos galardóns, resumiu a vontade "recoñecer e facer rendíbel o potencial da nosa música" que os motiva

Nesta edición, os premios "botarán luz" sobre 51 proxectos musicais en activo, dos que 17 recibirán galardóns en distintos xéneros e outros tres irán destinados á industria. O prazo de inscrición de candidaturas estará aberto desde o 1 de marzo até 15 de marzo. Como lembrou Lastra, "non é preciso ser socia para presentarse", polo que calquera solista ou conxunto en activo da Galiza pode concorrer. Só fican fóra de concurso aquelas propostas que gañaron en 2018.

Aumento de categorías

Antes do concerto do artista b, premiado na edición 2018, o vicepresidente da asociación, Xabier Mera, anunciou unha das principais novidades deste ano: o aumento de categorías. Acontece así, segundo explicou, pola escisión da etiqueta folk/tradicional en dúas independentes, á que se suma ademais outra de "bandas de música popular". Con isto, fan un total de 17 categorías a concurso, para alén dos tres premios Organistrum da Industria (sala, festival e espazos de comunicación) e o Premio Honorífico Músicas ao Vivo. Así, únense ás xa habituais divididas por xéneros: metal, clásica, pop/indie, músicas do mundo, blues/funk/soul, música de verbena, coros, rock, jazz, electrónica...

Maior poder de decisión para as artistas

Outra das novidades máis destacadas desta sétima edición constitúea a mudanza no sistema de votación. Desta volta, invértese a orde das emisións de voto, polo que a primeira criba dos proxectos inscritos corre a cargo dun xurado profesional e non das propias socias, como viña acontecendo en anteriores certames. Porén, serán elas, en último termo, as encargadas de votar a elección final, co que se lles outorga "moito máis poder de decisión", salientaron desde Músicas ao Vivo.

A primeira criba dos proxectos inscritos corre a cargo dun xurado profesional e non dos propias socias, que terán máis peso na decisión final

Por outra banda, a asociación decidiu afianzar a súa traxectoria presentando un logo de carácter "definitivo", co obxectivo de "crear marca", que substituirá a constante renovación do logotipo á que nos tiñan afeitas. A directora de márketing das Bodegas Martín Códax, María Garrido, destacou que, para alén da súa curta andaina, os da música conseguiron "colocarse á altura dos outros premios culturais do país".

Mais non todo ían ser cambios. Víctor Lorenzo segue a ser o encargado de realizar as "melómanas", nome que reciben as esculturas outorgadas como premio. Ademais, Mera adiantou que a dirección artística da gala correrá a cargo de Gustavo Dieste, nun acto que se desenvolverá o día 6 de maio. 

Compromiso coa cultura galega

Garrido aproveitou a ocasión para destacar o labor dos Martín Códax na reivindicación da "calidade artística das producións musicais galegas". Pola súa banda, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, recoñeceu Músicas ao Vivo como unha das principais interlocutoras da Administración na toma de decisións e na execución das distintas políticas que afectan á música en directo.

Isto podería interpretarse como unha referencia á inquietude sectorial fronte ao texto do novo Estatuto de Agadic, anunciado en decembro de 2019 sen ser negociado cos colectivos profesionais. Músicas ao Vivo sumouse daquela ás protestas da Asociación de Actrices e Actores da Galiza, Escena Galega ou a Plataforma de Afectadas polo Centro Coreográfico Galego, expresando o malestar pola falta de diálogo.

Comentarios