Pola Serra do Gêres

Adega organiza unha camiñada para coñecer a fauna que habita os territorios montañosos

[Imaxe: Cedida] Exemplar de cabra montesa

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza levará a cabo,este día 9 unha andaina pola Serra do Gêres. Durante o percorrido, de aproximadamente 12'5 quilómetros, as persoas asistentes poderán coñecer especies como aguia real, o lobo ou a cabra montesa e visitar antigos emplazamentos romanos e medievais. 

A Serra do Gêres convértese este domingo na protagonista da última camiñada “Fauna D’Aquí” organizado pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA). Unha andaina que estará guiada por Alberto Gil “Toupa”, colaborador do GREFA (Grupo de Recuperación da Fauna Autóctona e o seu Hábitat).

A protagonista deste percorrido será a fauna que habita os grandes territorios montañosos, tales como a aguia real, o lobo e a cabra montesa por “ser exemplares moi singulares nese territorio”, segundo declaracións do organizador, Fran Rei, a Sermos Galiza.

A ruta, de dificultade media e 12’5 quilómetros, estará dividida en dous itinerarios. Pola maña, as persoas asistentes camiñaran ata o corazón da serra ao foxo do Lobo de Guende, unha trampa para este tipo de cánidos que se constitúe como “un auténtico xacemento histórico medieval”, como explica Rei.

Durante a tarde, cambiarase a dureza da montaña pola tranquilidade do val. A ruta transcorrerá pola garganta do río Caldo a través da Vía Nova, “unha antiga vía romana pola que se entraba a Gallaecia nesa época”, aclara o organizador.

A Serra do Gêres está constituída por unha peculiar xeoloxía, xeomorfoloxía e clima que contribúen á conformación dun hábitat con especies únicas de flora e de fauna, que fan deste territorio o seu último refuxio.

O Parque Natural Baixa Limia - Serra do Gêres, xunto co contiguo Parque Nacional da Peneda - Gerês, conforma unha unidade de 100.000 ha de espazo protexido onde se solapan distintas figuras de protección (Reserva Transfronteiriza da Biosfera, ZEC, ZEPA).