Adega traslada á Valedora o "clamor social" contra a eclosión de parques eólicos

Reunión de Adega coa Valedora do Pobo (Imaxe: Adega)
Adega vén de reclamarlle á Valedora do Pobo “amparo” fronte a “enxurrada de parques eólicos e en defensa do dereito da cidadanía ao medio ambiente e á información e participación pública”. Ademais, en nome dos colectivos e plataformas convocantes da recente mobilización en Compostela, fíxolle entrega dun dossier no que se constata “a situación de indefensión na que se atopa a veciñanza afectada e o medio ambiente, debido a unha planificación caduca e irracional”.

Na xuntanza, decorrida na segunda feira, dous días despois da manifestación contra o "boom" eólico en Compostela, a asociación ecoloxista demandoulle á Valedora que inste a Xunta a “paralizar a tramitación de máis parques eólicos mentres non se someta o Plano sectorial eólico á unha axeitada Avaliación Ambiental Estratéxica”.

Ademais, e no atinxe a normas como a Lei 5/2007 e a Lei 9/2021, Adega solicitou da Valedora que interveña “para garantir a axeitada salvagarda dos dereitos de información e participación pública da cidadanía na tramitación dos proxectos eólicos”.

Como resultado da xuntanza, na que estivo presente o presidente de Adega, Roi Cuba, a Valedora do Pobo confirmou que ten aberta unha investigación de oficio á raíz de denuncias da veciñanza polos abusos das eólicas en relación ás distancias das casas, ás perdas agrogandeiras e ás expropiacións, entre outros.

"A equipa da Valedora acolleu con interese e preocupación as demandas de Adega e confirmou a admisión a trámite da nosa queixa e a súa vontade de analizar a situación actual, por se esta impide facer efectivos os dereitos á protección do medio ambiente, participación cidadá e información pública".

131 proxectos en trámite nun territorio que exporta un terzo da electricidade que produce

Hai arestora 131 proxectos de parques eólicos en tramitación, que engadirán outros 10.000 MW a un territorio que xa exporta un terzo da electricidade que produce.

Adega salienta ao respecto que as transformacións e afeccións que estas instalacións están a provocar no territorio e sobre os seus habitantes “non teñen sido suficientemente avaliadas”. Normas como a propia Lei Eólica de 2009, e as leis de Fomento de Implantación de Iniciativas Empresariais de 2017 e a recente Lei de Simplificación Administrativa de 2021, din, facilitan cada vez máis ás empresas o desenvolvemento dos seus proxectos, en detrimento da participación pública e dos dereitos e intereses das comunidades afectadas.

Neste sentido, a asociación ecoloxista considera "caduca" a planificación eólica e advirte de que "foi orientada exclusivamente por criterios empresariais". Así, o caso galego, o Plano Sectorial Eólico aprobado en 1997 e reformado en 2002, "está tan desfasado que nen sequera considera a Rede Natura 2000, carece de zonas de exclusión e non pasou unha avaliación ambiental estratéxica".

A respecto do Estado, "tampouco existe unha planificación para o desenvolvemento equilibrado e xusto das enerxías renovábeis que, máis aló de fomentar a produción, atenda as características e necesidades do territorio e integre criterios de sustentabilidade e eficiencia".