Adega traslada a eurodeputados a necesidade de normas máis duras contra a contaminación por plásticos

(Foto: Adega)

Os membros da Eurocámara Malte Galle e Ana Miranda estiveron cos ambientalistas e voluntarios en varios areais.

O eurodeputado bávaro Malte Galle e a eurodeputada galega Ana Miranda visitaron estes días diversos areais e praias galegas afectadas pola marea plástica. Nalgúns deles estiveron acompañados por voluntarios e tamén representantes de Adega, como o presidente, Roi Cuba, que tivo a oportunidade de trasladarlles unha serie de “reivindicacións mínimas” para atallar novas crises ambientais provocadas por estes contaminantes. Ao encontro tamén asistiu a alcaldesa de Cangas, Araceli Gestido.

No decurso da súa visita, os membros do Parlamento Europeo puideron comprobar o desenvolvemento dos traballos de limpeza por parte do voluntariado coordenado por Adega na praia de Nerga (Cangas).

As demandas de Adega tocan diversos puntos e cuestións. Por exemplo, no plan contra a contaminación mariña accidental que aprobou a Xunta “é unha ferramente mellorábel: non designa, por exemplo, portos refuxio, e a súa activación depende dunha decisión política e non a circunstancias obxectivas. Mais con todo, o que se precisaría é que se activara rapidamente (é un plano de continxencias), para pór en marcha as medidas precisas e evitar que a contaminación chegue á costa, xa que despois é moito máis difícil actuar contra ela”.

Tamén demandan unha maior transparencia e circulación de “información veraz” por parte das Administracións públicas. A posta en marcha dun sistema de información en rede sobre este tipo de incidencias, apuntan, permitiría tamén que as ONGs e concellos “recibamos as alertas ao mesmo tempo que os organismos administrativos responsábeis (Salvamento Marítimo -ministerio, Consellaría do Mar, Medio Ambiente...) o que sería de grande axuda para organizar con tempo as eventuais accións de voluntariado que puideran ser necesarias, chegado o caso”.

No plano estatal, Adega considera que a resposta contra unha vertedura e a coordenación dos medios sería máis efectiva se dependera da Administración galega e non do Ministerio. As competencias en vixilancia e salvamento marítimo non están transferidas a Galiza, “o que introduce un chanzo administrativo máis na cadea de decisións que debería ser o máis curta posíbel, alén de supoñer unha fonte de posíbel liorta política, como foi o caso”.

Tamén entende esta asociación, e xa no plano europeo, que cómpre actuar en dúas direccións: a nível ambiental, desenvolvendo un regulamento que considere estes materiais (pellets) como substancias contaminantes no transporte marítimo (nestes intres non o son) de cara a tomar medidas na súa manipulación, tratamento, envasado...; e polo que atinxe ao transporte, estabelecer medidas máis estritas de para evitar no posíbel perdas accidentais.

No plano internacional, “sería importante que a OMI (Organización Marítima Imternacional, dependente da ONU) modificara o convenio Marpol para asignar aos precursores plásticos en forma de pellet, escama ou pó a categoría de mercadorías perigosas, para que tanto no empaquetado (máis resistente á rotura) como no etiquetado, carga, estiba e manipulación, as condicións foran máis estritas”.