Adega, PDRA, confrarías e produtoras de mexillón urxen a paralizar a eólica mariña até concluír a revisión dos POEM
Organizacións ecoloxistas e do sector do mar advirten de que os parques eólicos no mar podería introducir na Galiza “un factor de inseguridade” no desenvolvemento de futuros proxectos.
O pasado mes de febreiro, o Ministerio para a Transición Ecolóxica realizou unha consulta para aprobar as bases que rexerán os concursos para a adxudicación de parques eólicos mariños nas augas de competencia estatal. Trátase de concretar a área, potencia, prazos, criterios de ponderación e as condicións aplicábeis aos proxectos enerxéticos que se presenten a concurso, tendo como marco de actuación os POEM —Planos de Ordenamento do Espazo Mariño— aprobados para cada demarcación en 2023.
Porén, colectivos ecoloxistas e medioambientais da Galiza; en concreto Adega, PDRA, confrarías da Illa de Arousa, da Pobra de Caramiñal e de Rianxo, OPP-20 , Amegrove , asociacións de produtoras de mexillón de Cambados, da Pobra do Caramiñal, de Boiro, da Illa de Arousa, de Rianxo e de Vilaxián, consideran que os POEM hoxe vixentes deben ser revisados e actualizados, como “moi tarde”, o 31 de decembro de 2027, e someterse ao procedemento de Avaliación Ambiental Estratéxica (AAE), trámite que o Ministerio principiou en novembro de 2025. Nos documentos dos novos POEM recóllense algunhas novidades con respecto aos planos do primeiro ciclo: novas categorías zonais —ZUP -uso prioritario-, ZAP -alto potencial-, zonas de amortecemento de impactos, de restauración da biodiversidade, etc. —, e a consideración das afeccións a caladoiros e zonas de cría, colisión con cetáceos, sumidoiros de carbono… entre outras, que “foron ignoradas no primeiro ciclo e non figuran nos POEM vixentes”, sinalaron.
As implicacións desta fonda revisión na planificación dos espazos mariños para as cinco áreas reservadas ás instalacións eólicas na demarcación noratlántica non se coñecerán até a publicación do EAE —Estudo Ambiental Estratéxico— e das propostas dos novos POEM. Polo que, é moi probábel que as ZAP —Zonas de Alto Potencial— para a eólica mariña definidas no primeiro ciclo sufran modificacións, de aplicárense as restricións por impactos nos caladoiros de pesca, sobre os cetáceos, aves e hábitats sensíbeis, recollidas nos documentos iniciais do segundo ciclo.
As organizacións asinantes informaron de que, sen ter concluído a revisión dos POEM no segundo ciclo, o Ministerio “pretende aprobar a orde que estabelece as bases da concorrencia competitiva” dos proxectos eólicos mariños e a conseguinte convocatoria dos procedementos, “sen agardar” á conclusión da revisión e actualización dos POEM aprobados en 2023, o os colectivos galegos consideraron que constitúe un “grave erro de planificación e podería introducir un factor de inseguridade xurídica para o desenvolvemento dos futuros proxectos”.
Ante esta situación, as organizacións asinantes veñen de reclamar ao Ministerio, no trámite de consulta pública das bases para o concurso dos proxectos eólicos mariños no mar da Galiza, que non inicie ningún procedemento de adxudicación sen antes concluír a actual revisión dos POEM de segundo ciclo. Apuntado que o contrario suporía “pór de novo o carro diante dos bois, e xa vimos as consecuencias da deficiente planificación no desenvolvemento da eólica terrestre na Galiza”.