Adega organiza a II limpeza simultánea de praias contra a incineración e os vertedoiros

[Imaxe: SG]

De Baiona a Burela máis de 20 areais ficarán libres de plásticos para conmemorar o Día internacional dos océanos


Reivindicación e educación ambiental contra a contaminación mariña danse a man este sábado, 8 de xuño, na II limpeza simultánea de praias organizada pola asociación ecoloxista Adega e da que fará parte o colectivo de voluntari@s que limparon nas praias da Galiza o chapapote do Prestige.

A acción vén conmemorar o Día mundial dos océanos, fixado por Nacións Unidas en 1972 para "promover a conciencia ambiental e a reflexión sobre os problemas ecolóxico, incidindo nas contribucións que gobernos e cidadanía podemos realizar para os solucionar". 

Desde Baiona até Burela, máis de vinte areais ficarán libres de plásticos nun exercicio que servirá tamén "para mudar conciencias e reivindicar políticas de reciclase e reutilización", rexeitando as políticas de xestión de residuos que a Xunta do PPdG promociona, nomeadamente a incineración e os vertedoiros. Segundo os datos que achega Adega, unicamente se recupera o 5% do plástico que se produce, por volta de 225 millóns de toneladas anuais.

O 50% acaba en vertedoiros ou queimado e "outra grande parte desaparece". Na auga, estes residuos son causa da morte de máis dun millón de aves mariñas e de 100 mil mamíferos e tartarugas cada ano, ao confundiren o plástico con alimento. 

Perante esta problemática esta fin de semana realizarase máis unha limpeza das praias, unha acción que vai xa pola segunda edición. Se gostas de participar, eis aquí un mapa coas recollidas que están convocadas.