Medio Ambiente

Adega leva á Eurocámara a situación da Rede Natura galega

Espazo da Rede Natura 2000 en Negueira de Muñiz. (Foto: Terras de Lugo)
Esta segunda feira 22 de maio a ONU propuxo celebrar o Día Internacional da Diversidade Biolóxica. Coincidindo con esta data, esta semana a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo acolle unha audición para avaliar o estado da aplicación da Directiva Hábitats.

Esta segunda feira 22 de maio a ONU propuxo celebrar o Día Internacional da Diversidade Biolóxica. Coincidindo con esta data, esta semana a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo acolle unha audición para avaliar o estado da aplicación da Directiva Hábitats.

Neste sentido, a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) levará a Bruxelas o caso galego para expor a situación da nosa Rede Natura e as “reiteradas agresións que sofre por unha deficiente planificación e o desleixo da administración”.

‘Do acordo á acción: reconstruir a biodiversidade’

Este é o lema que propón a ONU para celebrar neste 2023 o Día Internacional da Diversidade Biolóxica. Malia a todos os avances tecnolóxicos, a humanidade depende totalmente do estado de saúde dos ecosistemas para proverse de servizos básicos como auga, alimentos, medicamentos...

Reparar e protexer a diversidade biolóxica é o único modo de garantir a continuidade destes e outros moitos servizos ecosistémicos. “É un ben mundial de capital importancia para as xeracións presentes e futuras. Se a biodiversidade sofre, a humanidade tamén”, indican desde Adega.

Os acordos internacionais como o Convenio sobre a Diversidade Biolóxica (Montreal, 2022) e a nivel europeo as Directiva de Hábitats e de Aves son ferramentas imprescindíbeis para protexer e restaurar a biodiversidade e os ecosistemas naturais, e a súa urxente e correcta aplicación debe ser unha prioridade absoluta para as administracións públicas.

Porén, estes instrumentos legais son a miúdo “ignorados, rebaixados ou directamente incumpridos, como exemplifica claramente o estado da Rede Natura 2000 na Galiza. Unha Rede Natura 2000 galega cativa e sen eficaces instrumentos de xestión”.

Rede Natura e proxectos eólicos

Na Galiza a protección legal da Rede Natura non se fixo efectiva até o ano 2004 mediante o Decreto 72/2004, de 2 de abril, polo que se declaraban determinados Espazos como Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN).

“Malia a que Galiza posúe estatutariamente competencias plenas en materia de conservación da Natureza, o retraso en traspor ao marco lexislativo galego as determinacións das Directivas de Hábitats e Aves foi superior ao acontecido no Estado. O Decreto 72/2004 dotou de rango legal á proposta de Rede Natura 2000 enviada en 2003 á Comisión Europea, que na Galiza abranguía 59 lugares, 4 na Rexión Mediterránea e 49 na Rexión Atlántica, aos que hai que engadir 6 lugares máis adscritos as dúas unidades bioxeográficas e 14 ZEPAs. No seu conxunto as áreas designadas para formar parte da Rede Natura 2000 galega atinxían 374.434,8 hectáreas, 11,87% do territorio”, alertan desde Adega.

En comparación, Galiza é o territorio (execpto Melilla) que en proporción integra a menor superficie en Rede Natura 2000 de todo o Estado o que “colide cos valores de referencia (18%) estabelecidos no Convenio sobre a Diversidade Biolóxica (Metas de Aichi)”.

“Este feito contrasta ademais coas porcentaxes que mostran comunidades veciñas como Castela-León cun 26,13%, e Asturies cun 28,87%, esta última cunha menor diversidade bioxeográfica”, afirman desde Adega.

“Se queremos preservar a biodiversidade como reclama a ONU, é urxente pasar á acción e ampliar a Rede Natura 2000 galega, alén de dotada de instrumentos verdadeiramente efectivos. Faise urxente en consecuencia, como imos reclamarlle á Comisión, que para evitar que continúe a política de feitos consumados, se decrete unha moratoria para os desenvolvementos sectoriais que afecten ás áreas potenciais de ampliación, mentres non culmine ese proceso”, indica a organización ambientalista”.