Adega lanza unha campaña de recadación de fondos para paralizar o parque eólico Monte Xesteiros

Polígono eólico na Serra do Suído (Foto: N. B.).
A asociación ecoloxista procura os fondos necesarios a través da campaña de recadación solidaria 'Ti Podes Paralos' para frear o polígono eólico Monte Xesteiros, proxectado na Estrada (Terra de Montes).

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) procura os fondos necesarios a través da campaña de recadación solidaria 'Ti Podes Paralos' para frear o polígono eólico Monte Xesteiros, proxectado na Estrada (Terra de Montes).

Adega lanza este novo micromecenado co obxectivo de reunir os 9.500 euros precisos para recorrer este proxecto eólico ante o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG). A súa autorización administrativa previa foi publicada no Diario Oficial da Galiza (DOG) a pasada quinta feira, 22 de febreiro, e prevese que no vindeiro mes de maio se publique a autorización de construción, na que se determinen as características definitivas do proxecto.

A asociación ecoloxista suma así un novo desafío á súa campaña de recadación solidaria para a interposición de recursos contencioso-administrativos contra o "actual modelo eólico depredador e insostíbel" promovido pola Xunta da Galiza. Unha campaña que até o de agora permitiu levar ante a Xustiza unha trintena de proxectos eólicos e que xa conseguiu varios éxitos nos tribunais, como as recentes paralizacións cautelares dos proxectos Monte da Croa, Pico Seco, Rodicio II, Monte Toural ou Serra do Punago.

Para poder contribuír a este novo desafío, o primeiro de 2024, Adega acaba de facer pública unha páxina en liña de crowdfunding, en colaboración coa veciñanza afectada. A asociación ecoloxista chama á colaboración cidadá para alcanzar o obxectivo de doazóns necesario na defensa do rural e o medio ambiente galegos fronte á actual "invasión" eólica.

O proxecto fai perigar os recursos hídricos das aldeas

O parque eólico Monte Xesteiros contempla a instalación de seis aeroxeradores de case 200 metros de altura e unha potencia total de 33 megawatts no concello da Estrada. "Situaríase nun espazo natural con abundantes zonas húmidas nas que habitan especies animais con distintos graos de protección e nas que campan e aniñan aves en estado vulnerábel", salienta Adega.

"Tamén poría en risco especies de flora endémicas da zona noroeste da península ibérica, que se atopan xusto nos puntos de cimentación das zapatas dos eólicos, como o Narcissus Triandrus ou o Narcissus Bulbocodium", engade a asociación ecoloxista.

"O proxecto ten unhas afectacións hidrolóxicas de vital importancia para a vida das persoas, da gandaría e da agricultura da comarca, xa que fai perigar as redes de abastecemento de auga das aldeas da contorna", acrecenta a organización.

"Os impactos do proxecto sobre as actividades económicas destas zonas, unido á proximidade das infraestruturas aos núcleos de poboación, fan que este polígono conte cunha forte oposición veciñal. Os muíños teñen unha incidencia directa sobre todo o Val de Vea, Cuntis, Valga, as parroquias de Santa Mariña e San Miguel de Barcala e a zona de Carcacía, ao outro lado do Ulla ", denuncia Adega.

Así mesmo, espazos naturais como as Eiras dos Mouros, unha singular lagoa chea de lendas, ou a famosa Fonte da Virxe no lugar de Frades, "veríanse igualmente afectadas", explica a asociación. Tamén sucede con bens patrimoniais de relevancia no concello, como a Igrexa de Santa Mariña de Barcala ou a capela de Requián, engade.

Ademais, a localización do parque transcorre coincidente con varias necrópoles nas que se atopan distintas mámoas e túmulos da Idade de Bronce, así como distintos achados arqueolóxicos de gravados e petróglifos, algúns deles en fase de estudo.

Obxectivos de recadación

O obxectivo mínimo de recadación colectiva estabelecido por Adega para este desafío é de 9.500 euros. A recadación será en dúas fases. A primeira terá unha duración de un mes desde o 13 de abril, na que será preciso obter un mínimo de 4.500 euros, o que garantirá a presentación dos recursos de alzada contra a autorización administrativa previa e contra a autorización de construción do proxecto eólico e a elaboración do informe técnico ambiental.

Nunha segunda fase procuraranse alcanzar 5.000 euros máis para a interposición do recurso contencioso-administrativo contra a autorización administrativa previa e contra a autorización de construción no TSXG, así como para a solicitude de paralización cautelar.