Adega lanza unha campaña de recadación de fondos para frear o parque eólico Patiñeiro

Parque eólico da enerxética galega en Vimianzo. (Foto: Greenalia)
O proxecto representa unha ameaza para a poboación local, o patrimonio cultural e especies vulberábeis, advirte a entidade.

A asociación ecoloxista Adega vén de lanzar  unha nova campaña de recadación 'Ti Podes Paralos' para recorrer ante o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza o polígono eólico Patiñeiro, proxectado no concello de Vimianzo (Terra de Soneira). A organización precisa reunir un total de 8.100 fondos solidarios para cubrir os custos derivados da presentación do recurso de alzada no organismo correspondente e do recurso contencioso-administrativo no TSXG contra a autorización administrativa previa e de construción deste proxecto eólico, ademais da elaboración do informe técnico ambiental e da solicitude de paralización cautelar das obras. 

O polígono eólico Patiñeiro está promovido por Naturgy Renovables e contempla a instalación de 3 aeroxeradores de 200 metros de altura nunha área con alta densidade de fauna protexida, recursos naturais valiosos e un patrimonio arqueolóxico único. Segundo sinala a entidade as instalacións sitúanse moi próximas a núcleos habitados "e algúns muíños nin sequera cumpren coa distancia mínima de 550 metros a poboacións".

Ademais, engade Adega, neste caso, como sucede con outras autorizacións da Xunta da Galiza, "dáse neste caso unha fragmentación artificial entre o propio proxecto e a súa liña de evacuación, artellada coa finalidade de minimizar os impactos en conxunto no procedemento de avaliación ambiental, o que podería tratarse dunha fraude de lei". 

A asociación ecoloxista lembra que nunha contorna de cinco quilómetros á redonda xa están en funcionamento ou proxectadas outras 11 instalacións eólicas e catro liñas de alta tensión. "Algunhas delas, como Alto da Croa e Ampliación Alto da Croa II, foron xa rexeitadas polos efectos sinérxicos que unha elevada concentración de parques provocaría sobre a avifauna no corredor da Costa da Morte-Vimianzo-Noia", sinala.

Ameaza para a biodiversidade

O parque eólico Patiñeiro, situado nun corredor ecolóxico clave entre a costa de Vimianzo e o encoro da Fervenza, impactará de forma directa en especies ameazadas como a tartaraña cincenta (Circus pygargus) e a gatafornela (Circus cyaneus), segundo se recolle no propio Estudo de Impacto Ambiental do proxecto. Ademais, o polígono podería afectar outras especies vulnerábeis, como Anas crecca (Cerceta), Vanellus vanellus (Conícora) e Numenius arquata (Mazarico real). 

O proxecto tamén se sitúa nunha zona con alta densidade de poboacións de lobo, polo que afectaría os seus núcleos reprodutores e ameazaría o equilibrio ecolóxico, alerta Adega. "Os estudos de impacto ambiental non contemplaron o efecto barreira que pode crear este polígono eólico, ao igual que a promotora tampouco realizou, previa autorización do proxecto, unha campaña de prospección de avifauna completa, ao longo dun período anual. Tan só fixo tres visitas de campo en abril, maio e xuño", afirma.

Paisaxe cultural  

Por outra parte, Adega pon o foco no patrimonio cultural. A área afectada, explica nun comunicado, está inzada de xacementos arqueolóxicos como o Túmulo de Pedra Cuberta, o Túmulo de Pedra da Moura e a Anta de Serramo / Pedra de Lebre, Bens de Interese Cultural que poden sufrir danos directos pola implantación deste proxecto. "Tampouco a respecto do patrimonio cultural se realizou unha prospección previa intensiva en toda a superficie ocupada pola poligonal, o que limita o coñecemento da riqueza e densidade patrimonial na contorna do parque".   

En concreto, o Túmulo de Pedra Cuberta, situado en Vimianzo, é un magnífico monumento megalítico que data da Idade do Bronce. A súa impresionante estrutura atrae visitantes de todo o mundo, conéctanos co pasado e enriquece a nosa identidade. O dolmen de Pedra da Moura, pola súa banda, conserva pinturas de cor vermella e negra sobre fondo branco, e é referente da rica tradición oral galega, onde as mouras aparecen como seres mitolóxicos vinculados a lugares antigos e misteriosos. A construción de Patiñeiro representa unha ameaza para estes importantes sitios históricos.

Fases de recadación

Adega fai un chamamento á cidadanía a apoiar esta causa a través da campaña 'Ti Podes Paralos' e evitar a construción deste proxecto eólico "lesivo para o patrimonio natural e cultural do concello de Vimianzo".

A primeira fase da recadación terá unha duración dun mes desde esta terza, 21 de xaneiro, e nela será preciso acadar un mínimo de 4.000 euros. A nunha segunda fase, de dous meses de duración, procurarase reunir o importe restante. Todas as doazóns realizadas poderán desgravarse até un 80% en Facenda.