Adega exixe á Xunta que denegue un terceiro parque eólico sobre os Penedos de Traba

Localización dos parques eólicos da empresa EDP (Foto: Adega).
De acordo con Adega, as instalacións do parque Pena dos Mouros, ao igual que os outros despeces (Monte Chan e Soesto) “ocupan unha área incluída nas dúas propostas de ampliación da Rede Natura 2000 de Galiza (2008 e 2012), presentadas pola Xunta.

“O acoso eólico aos penedos de Traba aínda non rematou”, así o indica a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) que asegura que aos parques Soesto e Monte Chan que recentemente recibiron unha DIA (Declaración de Impacto Ambiental) negativa polos seus inasumíbeis impactos, debería unirse agora o de Pena dos Mouros, todos da empresa EDP. “Se isto non é fragmentación, que veña o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) a velo”, manifestan desde Adega.

“Escandalosa fragmentación artificial de proxectos”

“O parque eólico Pena dos Mouros é outro exemplo deste tipo de operacións. Sobre un mesmo treito costeiro unha mesma promotora (EDP) presentou os parques eólicos Pena dos Mouros, Monte Chan e Soesto. As operacións de fragmentación artificial de proxectos de parques ou de liñas de evacuación teñen case sempre por finalidade evitar a competencia autorizatoria do Estado a favor da competencia autonómica. Isto é debido ao ‘demoucado legal’ realizado por Feixoo e que concede ás empresas enormes prebendas administrativas”, aseguran desde  organización ambientalista.

Cando se fragmentan os proxectos eólicos, sexa pola razón que for, “minóranse as garantías de protección ambiental, ao aniquilar a posibilidade de avaliar conxuntamente aqueles proxectos artificiosamente divididos. Que a framentación artificial ou de conveniencia deste tipo de proxectos non se axusta a Dereito é unha realidade que veñen corroborando os tribunáis de xustiza dende hai anos”.

Así, por exemplo, desde Adega nomean a Sentenza do TSXG, Sala Terceira, nº 254/2020, de 9 de novembro, que apreciou a fragmentación artificial do parque eólico Sasdónigas, en Mondoñedo; a Sentenza do Tribunal Supremo (TS), Sala Terceira, de 30 de marzo de 2017, nº 556/2017; ou a pioneira Sentenza do TS de 20 de abril de 2006 tamén condenaron esta práctica.

En canto ao impacto negativo das operacións de fragmentación artificial nas avaliacións ambientais, a Sentenza do TS, Sala Terceira, de 21 de febreiro de 2014, recaída no recurso 673/2009, contemplou no seu Fundamento de Dereito que:

"A única garantía de analizar todas os aspectos que se han de incluír no mesmo [EIA], é desde unha visión conxunta, non fraccionada, sen que poida suplir esta carencia de orixe, recorrendo a unha análise posterior das sinerxias que se producen entre os elementos illadamente analizados".

De acordo con Adega, as instalacións do parque Pena dos Mouros, ao igual que os outros despeces (Monte Chan e Soesto) “ocupan unha área incluída nas dúas propostas de ampliación da Rede Natura 2000 de Galiza (2008 e 2012), presentadas pola Xunta e elaboradas polo IBADER (Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural), dependente da USC. A Xunta de Feixoo nunca chegou a concluir formalmente o proceso, como no seu momento o Ministerio informou a Adega”.

“Cómpre sinalar tamén que na área do parque sitúanse os Penedos de Traba, Pasarela e Braño, declarados Paisaxe protexida polo Decreto 249/2008 do 11 de decembro. A promotora recoñece o impacto directo das súas instalacións, tanto do parque Pena dos Mouros como o de Monte do Chan sobre os Penedos e propón unhas medidas compensatorias ridículas”, acrecentan desde Adega.

Exixencias á Xunta

Desde a asociación ambientalista exixen á Xunta que “considere os mesmos criterios alegados por Adega para os parques Monte Chan e Soesto e emita tamén unha DIA negativa para o parque Pena dos Mouros. Asemade, debería concluír xa e publicar o Plano de Xestión dos Penedos de Traba, un documento que tiña que ter elaborado e aprobado nos dous anos seguintes á aprobación da declaración como Paixaxe protexida (Decreto 294/2008) e pasaron xa 13 anos”.