Medio Ambiente

Adega leva aos tribunais o parque eólico Campo das Rosas, situado "sobre especies en perigo de extinción"

Parque eólico da compañía enerxética presidida por Francisco Reynés. (Foto: Naturgy)
"A importancia da conservación destes hábitats radica nos servizos ecosistémicos que prestan, xa que alén de seren acubillo de algúns taxóns moi exclusivos e en perigo, teñen unha grande capacidade de retención de carbono e son fundamentais para a regulación do ciclo hídrico ao funcionaren como depósitos naturais que liberan lentamente auga ao longo de todo o ano", argumentan as ecoloxistas.

Hai dous meses a asociación ecoloxista Adega pedía o apoio da cidadanía galega, no marco da campaña 'Ti podes paralos', para recadar os cartos suficientes para levar o parque eólico Campo das Rosas —e moitos outros— aos tribunais. E esta mesma terza feira o colectivo anunciou a recente presentación dun recurso contencioso-administrativo diante do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza —con solicitude de medidas cautelares de paralización— contra a autorización que a Xunta outorgara a este proxecto o pasado abril.

Advirten desde Adega que os aeroxeradores e infraestruturas derivadas deste proxecto de enerxías renovábeis nos concellos da Estrada, Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade afectarían especies en perigo de extinción, como é o caso do fento Lycopodiella inundata, que ten neste emprazamento "unha das poboacións máis importantes da península ibérica".

Nestes mesmos montes, salientan, "moran as bestas da rapa de Sabucedo". E a Administración galega, ao autorizar este parque eólico, afirman, "ignorou descaradamente a presenza de hábitats prioritarios, como turbeiras acedas de esfagnos, e mesmo de especies en perigo de extinción, como o licopodio das brañas [Lycopodiella inundata]". "Nin na declaración de impacto ambiental (DIA) nin na posterior resolución de autorización", aseguran as ecoloxistas, foron avaliados "correctamente" os impactos das obras e destas instalacións sobre o patrimonio natural que se vería afectado.

"Ao longo das prospeccións realizada in situ por Adega foi posíbel identificar e cartografar arredor de 50 teselas ou manchas ocupadas por hábitats do subtipo '71xx', pricipalmente '7110*' [turbeiras altas activas, considerado prioritario], '7150' [Depresións sobre substratos turbosos] e '7140' [turbeiras ou 'mires' de transición], que aparecen misturados ou arrodeadas outros hábitats higrófilos como o '4020*' [breixeiras húmidas atlánticas con Erica ciliaris e Erica tetralix, tamén prioritario]", acrecentan desde a entidade ambientalista.

Para Adega, "chama a atención que ningún destes hábitats de turbeira aceda fora sinalado nin no estudo de impacto ambiental presentado pola empresa, nin tampouco na DIA favorábel emitida pola Xunta logo de recibir os preceitivos informes da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, aos que as persoas e entidades interesadas, así como público en xeral, tampouco tivemos acceso previo á aprobación do parque".

"A importancia da conservación destes hábitats radica nos servizos ecosistémicos que prestan, xa que alén de seren acubillo de algúns taxóns moi exclusivos e en perigo, teñen unha grande capacidade de retención de carbono e son fundamentais para a regulación do ciclo hídrico ao funcionaren como depósitos naturais que liberan lentamente auga ao longo de todo o ano", explican, ao tempo que inciden en que a súa perda ou deterioración, derivada das futuras infraestruturas do parque, "diminuirá significativamente a capacidade de mitigación e resiliencia dos ecosistemas de montaña fronte ás alteracións derivadas do cambio climático".

"Na área ocupada polo parque eólico Campo das Rosas o licopodio das brañas apareceu nun mínimo de oito localizacións, sempre asociadas a áreas turbosas. As poboacións, aínda que dispersas, son por veces localmente densas e fican nun bo estado de conservación, constituindo unha das máis importantes das atopadas até o de agora na Península Ibérica. As infraestruturas asociadas á construción e operación do proxecto eólico, quer as pistas, gabias, cimentacións, plataformas, liñas de evacuación e demais elementos, atinxen directamente a conservación do hábitat da Lycopodiella inundata (L.) Holub, provocando a súa degradación —fragmentación, drenaxe, subsolado, ou eliminación— o que causará probabelmente a desaparición da especie", censuran desde Adega.