Adega eleva á Fiscalía Xeral do Estado a denuncia contra o "indulto millonario" a Greenalia, arquivada en Santiago

Construción dun parque eólico da compañía enerxética galega. (Foto: Greenalia)
A Fiscalía de área de Santiago vén de notificar á asociación ecoloxista o arquivo da denuncia presentada por "eximir" a Xunta a Greenalia do pagamento de máis de 11 millóns de euros en relación co concurso eólico de 2010.

Adega denunciou o pasado novembro ante a Fiscalía de área de Santiago un "posíbel caso de corrupción xeneralizada" na tramitación de parques eólicos na Galiza, considerando que o Goberno galego "eximiu a empresa da ex conselleira Beatriz Mato [Greenalia] de ter que pagar perto de 12 millóns de euros á facenda pública", ao "dar por executado irregularmente" o plan industrial ao que comprometía a asignación de potencia para os proxectos Campelo e Lamas de Feás no concurso eólico da Xunta de 2010.

Agora o expediente vén de ser arquivado e a asociación, lonxe de tirar a toalla ante unha decisión que ve "inexplicábel", anuncia esta segunda feira que trasladará as dilixencias á Fiscalía Xeral do Estado. Desde Adega solicitarán formalmente, ao fío desta cuestión, a creación no país dunha Fiscalía Anticorrupción "para que tome coñecemento con criterio e rigor de asuntos como este".

"Os extremos denunciados por Adega podían e poden ser perfectamente corroborados pola Fiscalía perante o simple exame da normativa aplicábel. Porén, no decreto de arquivo das dilixencias penais recentemente notificado conclúese que a práctica de posteriores dilixencias de investigación resulta superflua", lamentan as ecoloxistas.

Sempre con base nese decreto de arquivo, a Fiscalía consultou ao respecto á Xunta da Galiza, que remitiu un informe "no que non aparece referencia ningunha a normas xurídicas que dean cobertura á actuación denunciada", advirte Adega. No documento achegado polo Goberno galego, aliás, "maniféstanse graves falsidades, como que a opción pola monetización dos proxectos industriais non estaba sometida a límite temporal". Cuestión que o colectivo ambientalista ve "simplemente falso", dado que, conforme á convocatoria, "ou se optaba naquel momento, ou se renunciaba ao procedemento".

Desde Adega cren que o arquivo desta denuncia en primeira instancia "resulta absolutamente escandaloso e contrario á salvagarda da legalidade e do interese xeral que resultan inherentes a dita institución". "Asumir o contido do decreto de arquivo de dilixencias implicaría asumir que, presentada unha denuncia na que constan con detalle feitos e fundamentos de Dereito, a simple petición de informe á parte denunciada, aínda que esta minta ou non diga nada, resulta suficiente para concluír que non hai motivos de ilegalidade", censuran.

A denuncia

Malia que Greenalia foi a executora final dos proxectos Campelo e Lamas de Feás, inicialmente foran adxudicados naquel concurso á sociedade Kaekias Eólica S.A., que obtivo 75 MW para desenvolver ambos os parques eólicos. Porén, esta asignación de megawatts tiña como condición o compromiso de Kaekias de executar, a maiores, "un plan industrial específico, ou de monetizalo nun importe económico que tería que ser depositado no fondo capital-risco do Igape no prazo dun mes desde a posta en funcionamento dos parques eólicos", explicaban desde Adega.

Mais a compañía decidiu non executar o plan industrial e monetizalo en máis de 11,7 millóns de euros, unha contía "que tería que ingresar na Facenda pública unha vez que os proxectos eólicos vinculados entrasen en funcionamento". Cando en 2016 Greenalia absorve Kaekias Eólica non só pasou a ser titular dos proxectos Campelo e Lamas de Feás, senón tamén a adquirir os seus compromisos vinculados a ambos os parques.

"Tres anos despois, en novembro de 2019, Greenalia presenta na Xunta unha proposta de modificación do plan industrial ligado a ambos os parques na que opta por facer efectiva a execución do plan industrial no canto de ingresar perto de 12 millóns de euros nas arcas públicas", afirmaban as ecoloxistas, ao tempo que incidían en que o plan industrial presentado por estoutra compañía "nada tiña a ver" co comprometido por Kaekias, que consistía nun proxecto de secado térmico de lamas e fabricación de pellets.

Adega solicita á Fiscalía que investigue a posíbel concorrencia dos delitos de prevaricación en concurso e malversación por parte da daquela directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría.