Ecoloxistas e pescadores din que a Xunta podería estar "a incorrer nunha ilegalidade" por permitir a pesca

Pescadores nun río galego (Foto: Adega)

A apertura xeralizada da actividade de pesca fluvial na Galiza acordada polo Goberno galego "contrevén o plan de desconfinamento e produce confusión entre a cidadanía, co risco de incorrer en infraccións", segundo Adega, Ríos con Vida e a Federación Galega de Pesca.

Adega, Ríos con Vida e a Federación Galega de Pesca veñen de presentar un escrito ante a Delegación do Goberno na Galiza para que “estude e confirme a legalidade e a competencia da apertura xeralizada da pesca fluvial”, acordada polo Goberno galego o pasado 5 de maio por resolución de Vicepresidencia e da Consellaría de Presidencia.

Tras ter sido suspendida a pesca recreativa do 15 de marzo ao 5 de maio, a Xunta restabeleceu o seu exercicio “sen cumprir o plan de desconfinamento acordado polo Consello de Ministros do pasado 28 de abril, polo cal a volta desta actividade está prevista para o 25 de maio. Este acordo autonómico contradí incluso a propia actividade da Xunta en canto ás súas propostas ao Goberno español sobre as distintas fases do desconfinamento”, denuncian.

Segundo Adega, Ríos con Vida e a Federación Galega de Pesca, a Xunta fai unha “interpretación propia” da Orde SND/380/2020, do 30 de abril, sobre as condicións nas que se pode realizar actividade física non profesional ao aire libre durante a crise sanitaria, asimilando este tipo de actividade coa pesca fluvial recreativa.

Para estas entidades, existen factores que deberían ter sido contemplados polo Goberno galego antes de ordenar o restabelecemento da pesca fluvial, e que fan que esta actividade “non se poida asimilar en senso estrito a unha actividade física non profesional”.

Unha actitude que favorece a confusión e a infracción entre os pescadores

Consideran “lamentábel” e “perigosa” a actitude da Xunta, “por canto está a favorecer que os afeccionados poidan estar incorrendo na infracción da normativa aprobada no estado de alarma, incluso chegándose ao suposto de precintar salmóns no Ulla esta semana cando a pesca aínda estaba suspendida”

As organizacións que subscriben este comunicado lembran, ademais, que os ríos son a miúdo os límites entre provincias e municipios, o que pode dar lugar a unha maior confusión e incumprimento das normas vixentes.