Adega di que o decreto do eucalipto non achega nada novo distinto a normas que xa se incumpren

A mancha sinala a expansión do eucalipto no país

O coñecido como decreto do eucalipto é "pouco ambicioso, ambiguo e na práctica prohibe ben pouco...", segundo Adega. Para a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza, reúne normas xa en vigor "que a Xunta adoita incumprir".

Na parte expositiva do decreto, resalta Adega, o Goberno galego admite que "a superficie de eucaliptais creceu de forma significativa na Galiza". Isto sería tanto como un recoñecimento implícito do "fracaso" da planificación forestal realizada pola Xunta durante estes últimos anos en que se produciu unha eucaliptización masiva do país, indica Adega, co matiz de que ese fracaso -esa política a prol do eucalipto- foi "intencionado".

Para a entidade ecoloxista, o decreto non engade nada novo ao ordenamento xurídico galego, ao contemplar unha serie de normas xa en vigor -entre elas as que teñen a ver co desenvolvimento do catálogo de masas de frondosas autóctonas- que a Administración galega sistematicamente incumpriu durante estes anos.

Adega reputa como cosméticas as medidas novidosas que introduce o decreto, as que teñen a ver coa prohibición dos aproveitamentos de acacias e Robinias (ambas as dúas invasoras como o eucaliptus nitens, subliñan desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza).

Destarte, a limitación xeográfica para a plantación de eucaliptus nitens -que provocou o protesto de concellos atinxidos pola medida- xa existía nunha orde de 2004 que no seu día non producira tanto balbordo.

Adega reputa como cosméticas as medidas novidosas que introduce o decreto

En realidade, o lobby pro-eucalipto non ten moito do que se preocupar con este decreto. Máis ben ao contrario. De acordo coa análise de Adega, a norma permitiría "trascender os condicionamentos xeográficos" decorretes da orde de 2014 simplesmente a condición de a Xunta aprobar outra orde ad hoc para "permitir a un concello aderirse a un determinado silvícola primitivo".

A xuízo de Adega, o decreto outorgaría a Xunta "mans libres" para "pontear" a  norma de 2014 e así "permitir o cultivo de E. nitens a discreción". "Onde está pois a suposta prohibición?", pergúntase a asociación ecoloxista e a seguir acrecenta: "Se acaso, a Xunta introduce máis discrecionalidade no desenvolvemento dunha norma, e como sabemos, cando a excepción é a regra, na práctica non hai regras...".

A xuízo de Adega, o decreto outorgaría a Xunta "mans libres" para "pontear" a  norma de 2014 e así "permitir o cultivo de E. nitens a discreción"

Outra boa noticia para os promotores da eucaliptización do país, alerta Adega, é que o decreto exime de calquera autorización aos plantíos menores de 5 hectáreas. Ou sexa, nas leiras pequenas, barra libre. "Como sabemos, moitas das recentes plantacións de E. nitens estanse a producir en pequenas parcelas, moitas veces incumprindo os usos previos e as distancias mínimas, coa comenencia da administración. A Xunta tapou os ollos perante esta problemática que está a provocar unha imparábel eucaliptización das terras de cultivo, ferrado a ferrado", alega Adega.

Denuncia tamén a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza que o decreto, a meio do artigo 4.2, abre a billa a que "masas mixtas de autóctonas sexan reconvertidas en eucaliptais se contan con máis de 30% de eucaliptos". Aquí faríase xusto o contrario do que se proclama; no canto de liberar as masas de autóctonas da especie invasora se poñen os alicerces para esta se facer a dona da plantación.

Teñamos en conta que o eucalipto cobre xa 17 por cento do territorio galego. En Portugal, onde apenas chega a 9 por cento, o Goberno acaba de conxelar as plantacións até no mínimo 2030. En contraste, o Goberno galego aproba un decreto que, segundo Adega, lonxe de pór couto á voraz expansión da especie invasora, máis ben a favorece.