Adega denuncia na Fiscalía o "atentado" de Cosmos na Cova Eirós

Imaxe das pinturas ruprestres [Adega]

A organización ecoloxista demanda a "inmediata paralización" da actividade mineira de Cementos Cosmos.

 

O risco de desaparición dos restos arqueolóxicos localizados na parroquia de Vila Vella (Triacastela), debido á actividade mineira que desenvolve Cementos Cosmos nas inmediacións da Cova Eirós, poderían ser investigados pola xustiza. 

A Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza (Adega) vén de denunciar perante a Fiscalía os prexuízos que está a ocasionar a extracción de minerais nos arredores da cova na que se atopan, non só restos humanos con más de 120 mil anos, senón tamén pinturas rupestres únicas no Noroeste peninsular. 

"Trátase dun gravísimo atentado contra un valioso patrimonio histórico e arqueolóxico, que en calquera outro lugar estaría fortemente protexido e sería foco de atención científica e reclamo turístico, ao mesmo nível que as covas de Altamira", sinalan desde Adega. En troca, o Concello de Triacastela autorizou a Cosmos continuar a explotar a mina mesmo logo de ser esta recorrida polo grupo parlamentar de AGE e perante as denuncias de activistas e organizacións como o Partido da Terra, que alertan dos graves prexuízos que esta actividade carrexa para os restos arqueolóxicos. 

"Trátase dun gravísimo atentado contra un valioso patrimonio histórico e arqueolóxico, que en calquera outro lugar estaría fortemente protexido", di Adega

"As actuacións de COSMOS na contorna inmediata da cova non só non poden estar amparadas por licenzas ou autorizacións vencelladas á actividade mineira, senón que estas son nulas de pleno dereito", aseguran desde a organización ecoloxista. E é que, explican, "non nos consta que a empresa Cosmos teña cumprimentado diversas condicións impostas por Patrimonio" en relación á existencia da Cova Eirós, "como a presentación dun plano de protección e conservación" da mesma, "a elaboración dun 'protocolo de seguridade'" ou "o seguimento e control dos traballos" en relación ao mantemento dos restos.

Desde o Concello de Triacastela, a alcaldesa, Olga Iglesias, insiste en que a licenza de explotación obriga a Cosmos a gardar un perímetro de seguridade de 50 metros a respeito da cova, mais desde o Partido da Terra insisten en que as escavadoras da cementeira están a traballar "xusto enriba", "retirando o pouco material que aínda evitaba a entrada de auga" no interior das cámaras ou salas do xacemento". 

A organización ecoloxista demanda a paralización temporal da actividade e a investigación perante un posíbel delito de prevaricación por parte das administracións

Como consecuencia disto, alertan desde Adega á Fiscalía, "a infiltración de augas superficiais aumentou considerábelmente producindo a entrada de auga que escorrega polas paredes da cova, co risco de destrución das pinturas e gravados rupestres do seu interior". O grupo de arqueoloxía que traballou na Cova Eirós cifrou en 94 as pezas até o momento descobertas, para alén dos restos máis antigos de lume Neanderthal, datado hai 118 mil anos. 

Neste senso, Adega denunciou perante a Fiscalía de Medio Ambiente e Patrimonio do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, non só a autorización municipal e a actuación de Cosmos, senón tamén "a pasividade da Xunta". A organización ecoloxista demanda a "paralización cautelar" por parte da Fiscalía da actividade mineira , que "dea traslado do caso ao xulgado pola presunta comisión dun delicto contra o Patrimonio Histórico e a posíbel prevaricación na que incorrerían as administracións, como cooperadoras necesarias desta desfeita".