A carballeira de Santa Locaia, ameazada polo parque eólico de Banzas

O bosque húmido de Santa Locaia. (Foto: Nós Diario)
Adega denuncia que o proxecto para os parques de Banzas e Maragouto non contempla o impacto real sobre a contorna.

A Xunta da Galiza proxecta nos concellos de Outes, Mazaricos e Negreira a construción dun parque eólico, o de Banzas, cuxo estudo de impacto non avalía todos os efectos desta infraestrutura sobre a carballeira de Santa Locaia.

Agora o bosque atópase desprotexido fronte aos dous parques eólicos que construirá na contorna Green Capital Power: o xa citado parque eólico de Banzas e o de Maragouto. Estas infraestruturas compartirán a liña de evacuación eléctrica, unha cuestión que, segundo denuncia Adega, "forma parte indisoluble destes proxectos e os seus impactos deberían avaliarse conxuntamente".

No proxecto actual, as liñas de evacuación están a ser tratadas por separado e non como unha canle coxunta, polo que non se estaría a reflectir o impacto real sobre o patrimonio dos concellos afectados polo proxecto. Tampouco se avalían as afeccións dos aeroxeradores, as pistas de acceso ou os transformadores.

Para a asociación ecoloxista, a falta de rigor nos estudos previos evidencia "unha intención de fragmentar artificialmente a súa tramitación coa fin de obviar a avaliación dos efectos sinérxicos dos tres proxectos e así minimizar os seus impactos".

Ataques ao patrimonio

A carballeira de Santa Locaia foi vítima na última década de numerosos ataques contra o seu patrimonio natural, como a tala periódica de árbores e a substitución das mesmas por eucaliptos, “que van relegando o bosque húmido atlántico ás áreas interiores”.

Este espazo alberga até seis especies de flora protexida e constitúe un dos redutos de bosque húmido mellor conservados da Galiza, e fora proposto polo Goberno bipartito para integrar a Rede Natura 2000 no ano 2008. Porén, após a chegada a San Caetano de Alberto Núñez Feixoo, esta iniciativa foi desbotada.

Adega advirte que estes taxóns son "altamente dependentes dunha elevada humidade ambiental que proporcionan tanto o curso fluvial como a masa forestal da carballeira húmida". As obras para a construción dos parques eólicos de Banzas e Maragouto poderían provocar "variacións no fluxo da auga superficial e soterrada", facendo perigar ás especies que están máis ameazadas.