Adega denuncia ofertas de contratos eólicos propios dun “feudalismo”

Parque eólico (Foto: EGA)

Afirma que contemplan cesións a custo cero de terreos e cláusulas leoninas con "expropiación pactada" nos contratos de arrendamento.

Adega denuncia que os “contratos modelo” que a empresa eólica Green Capital Power SL está a presentar á veciñanza afectada por futuros proxectos son “pouco menos que insultantes para os titulares das terras”. 

Así, afirman desde a organización ambientalista, contempla “prezos ridículos e cláusulas escandalosamente favorábeis para as empresas, que mesmo ofrecen opcións de arrendamento a 5 anos pagando cero. Mesmo pretenden que os propietarios renuncien por contrato ao seu dereito a percibir un prezo xusto en caso de expropiación, aceptando o que marque a empresa…”

Trátase dun contrato, explica Adega, polo que os titulares dos predios conceden á empresa eólica “un dereito de opción en exclusiva para arrendar os terreos. Deste modo e mentres se desenvolven os trámites do parque, a eólica poderá dispoñer das terras para realizar os traballos precisos (medicións, prospeccións etc.) por un periodo de entre 3 e 5 anos. Este contrato de "opción de arrendamento" garante á empresa a exclusividade dos terreos, arredando a posíbeis competidoras que talvez ofrezan mellores condicións…”

Pola contra, para os titulares das fincas este contrato non reporta beneficio algún, xa que o custo é gratuíto para a empresa. “Ben ao contrario, durante 5 anos os propietarios verán como as súas terras só poden ser usadas en exclusiva pola eólica, debéndolles franquear o acceso”.

Este contrato é o que presenta a empresa aos titulares das terras nas que a Xunta xa autorizou un parque eólico, continúan indicando desde Adega. É un contrato de alugueiro, aseguran,  para adquirir un dereito de superficie por 30 anos ampliábeis a 50.

“Polo que atinxe aos prezos, e malia a que no contrato non se indica a potencia do parque (18 MW) nen o número de aeroxeradores (9), as cantidades ofrecidas pola empresa equivale a uns 2000 euros / MW e ano, o que o sitúa no rango máis baixo dos prezos que actualmente se están a ofertar”.

O contrato recolle cláusulas “escandalosamente favorábeis para a empresa: poder ceder ou transmitir os dereitos sobre a terra sen que os propietarios poidan revisar ou renegociar a renda; mentras que estes se queren vender as propiedades quedan obrigados a subrogar o contrato coa eólica”.

“Quizáis o máis escandaloso sexa a chamada cláusula de "expropiación pactada": acontece en caso de que sexa imposíbel elevar a público o contrato, por non estaren actualizadas as escrituras das terras no Rexistro da Propiedade. Daquela, a empresa propón que os propietarios autoricen a ocupación renunciando á indemnización correspondente, para logo subscribiren un "mutuo acordo" coas condicións que a empresa oferta no presente contrato. Deste xeito, e ao teren renunciado a chegar ao xurado de expropiación, os titulares das terras non poden defender a súa valoración fronte á da empresa, xa que aceptaron esta”

O Observatorio Eólico de Galiza da UVigo e a Fundación Juana de Vega teñen publicado diversas recomendacións, así como modelos de contrato para os propietarios de terreos eólicos, xa sexan particulares ou comunidades de montes. Estes documentos supoñen unha importante axuda para a veciñanza afectada e deberan constituir un mínimo imprescindíbel e irrenunciábel a partir do cal comezar a negociar.