Adega demanda á Xunta recursos para protexer o lobo e favorecer a coexistencia coa gandería

Un estudo desta organización ambientalista indica que as batidas e controis letais da especie non solucionan o problema. A poboaión de lobos en Galiza non aumentou nestes anos, o incremento do rexistro de danos desde 2015 débese a unha mellora no sistema de recollida dos mesmos.

A coexistencia entre lobo e gandería é posíbel e necesaria aa manter a saúde do ecosistema e preservar un valioso e rico legado natural e ecolóxico. Cómpre, para iso, cambiar políticas e medidas así como ter un coñecemento real sobre a realidade do lobo no noso país. Un estudo elaborado por Martiño Nercellas, biólogo e vogal de Biodiversidade de Adega, achega a este respecto datos e propostas.

 

Hai máis ataques de lobos? Aumentou a súa poboación en Galiza? Son as batidas unha solución? "A información e estudos que se dispoñen sobre o estado da poboación non demostran que se teña incrementado o número de lobos na Galiza", indican desde Adega, Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza. "Estaríamos ante unha poboación estancada, que non medra, polo forte persecución e mortalidade que soporta anualmente. O feito de que se rexistren máis danos dende o 2015 responde, máis ben, á mellora e optimización do sistema de recollida de avisos disposto dende a Xunta, e a publicidade e que se triplicaron as axudas dos pagos (aínda así, de modo insuficiente). Probablemente estamos ante uns danos moi semellantes a anos anteriores, pero agora comunícanse".

 

Este colectivo ambientalista considera "lóxicas e lexitimas" as reivindicacións polos afectados polos ataques do lobo candos e senten "desprotexidos ante unhas perdas" económicas que, "aínda sendo globalmente moi reducidas, sobre as economías familiares de quen as sofre son importantes, e a desatención da administración ante este problema xera unha frustración e desanimo que finalmente, case sempre, acábase cebando co lobo".

 

Máis tamén defende Adega que o lobo forma parte dun legado natural de extraordinario valor patrimonial, ao tempo que demanda das administracións que, "dunha vez, cambien a súa idea de entender o lobo coma un problema, nunha visión trasnoitada, e poñan os esforzos e recursos necesarios para a súa conservación conforme ás recomendacións científicas que se veñen publicando a nivel mundial nos últimos anos".

 

"Estamos ante unha situación caótica na atención que a Xunta presta a este asunto", denuncian os ambientalistas. "Hai unha insuficiencia importante na dotación de recursos e esforzo que se destinan para tratar de favorecer unha situación de coexistencia, así coma unha importante falta de sensibilidade".

 

Para o ano 2017 Adega contabilizou que o alcance de danos tivo un custo de case 500 mil euros mais a Xunta só destinou a metade para cubrir ditos danos e, incluso, "sorprendentemente, a pesar de que se incrementaron os rexistros de danos, reduciu as axudas en cen mil euros".

 

Por último desde Adega reivindican a necesidade de que se activen campañas de divulgación e sensibilización sobre a importancia do lobo no medio natural, algo previsto no Plan de Xestión do Lobo, pero que non se puxo en marcha.