Adega censura a xestión da Xunta

Nin máis lobos nin máis danos

[Imaxe: Wikipedia] Lobo

As lendas e os mitos ao redor dos lobos provocaron que sobre o animal paira aínda a sombra da desconfianza e un halo de temor que non ten a ver coa realidade. A asociación ecoloxista Adega nega unha maior cantidade de lobos en Galiza e urxe a Xunta a mudar a súa xestión.

Rodean o lobo toda unha serie de prexuízos e estereotipos que callan tamén nas Administracións públicas. A Xunta de Galiza segue a autorizar batidas malia que a poboación non experimentou aumento ningún. A asociación ecoloxista Adega calcula que cada ano matan entre 200 e 300 exemplares, practicamente o mesmo número dos que nacen.

 

Nun escrito dirixido á Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Adega esíxelle á Xunta a supresión das autorizacións para cazar lobos, unha práctica que o movemento ecoloxista considera “anacrónica, acientífica, que non proporciona solucións de existencia coa gandaría, que condiciona a ecoloxía da especie e que perpetúa unha visión negativa sobre o papel e función que o lobo xoga no medio natural”.

 

Os censos –elaborados a partir dos anos oitenta– desmontan o argumento de que existen máis exemplares, pois amosan unha tendencia semellante: a poboación non medra. Adega admite que hai un incremento na contabilización dos danos producidos polo lobo, un feito que non evidencia que os prexuízos causados sexan maiores en número, senón que reflicte unha mellora no rexistro das comunicacións do 012 e unha maior publicidade nas axudas. A este respecto, a asociación ecoloxista é partidaria de incentivar as axudas compensatorias e as axudas que incentiven un maior e mellor manexo preventivo.

 

“Valoramos que as medidas preventivas deben completarse cun áxil e xeneroso pago de medidas indemnizatorias por danos. Unha insuficiente dotación, xunto cos atrasos acumulados e a tardanza en facer efectivas estas axudas son un problema que impiden alcanzar unha solución”, indican fontes da entidade, que salientan que manter un orzamento anual acorde cos danos producidos, axilizar os pagamentos e simplificar o método de tramitación suporía un avance significativo “na mellora de solucións para favorecer a coexistencia”.

 

Falta de transparencia

 

Diante da autorización da batida que tivo lugar recentemente en Abadín e en Vilalba, Adega pídelle á Xunta de Galiza información sobre o número de cazas autorizadas e emprázaa a poñer en marcha un plan de divulgación e sensibilización sobre a especie, tal e como recolle a normativa. “Sobre o lobo infórmase con escaso ou nulo rigor, e só fai falta unha desas noticias para que a nivel local cause un impacto ecolóxico crítico para a especie”, explican fontes da asociación aludindo a informacións sobre ataque de lobos.

 

Aínda que as batidas están previstas no Decreto 297/2008, de 30 de setembro, polo que se aproba o Plan de Xestión do Lobo, Adega lembra que son imprescindíbeis “autorizacións rigorosamente xustificadas” e advirte de que “unha aplicación rigorosa do plan resultaría suficiente para proporcionar solucións sen necesidade de recorrer a unha técnica tan drástica, polémica e que provoca tanto dano”.

 

“Non existe evidencia científica que demostre o éxito deste tipo de actuacións”, engade Adega sobre as batidas. A solución: activar protocolos de manexo preventivo do gando para reducir os danos. “A Xunta debe traballar no seu impulso, achegando asesoramento, asistencia e recursos suficientes”, subliña a entidade ecoloxista.