Adega cifra en máis de 200 os proxectos eólicos tramitados pola Xunta e polo Estado

Parque eólico en Ordes. (Foto: Europa Press)

A asociación ecoloxista Adega di “Así non” a moitos dos proxectos eólicos en tramitación, sustentados nun Plan eólico “desfasado” e que non atende as peculiaridades da Galiza. Cifra en máis de 200 os presentados e advirte de que en total suman sobre 10.000 MW de potencia.

“A actual vaga de macroproxectos eólicos non é a resposta á imperante necesidade de descarbonización e transición ecolóxica”. É a opinión de Adega, que, malia defender as enerxías renovábeis, oponse ao “modelo enerxético sobre o que Xunta e Estado están sustentado esta transición, que segue a beneficiar o status quo do oligopolio das grandes multinacionais da enerxía, que non reverte en beneficio da sociedade nin é xusta coas persoas e que non respecta a paisaxe nin o medio ambiente”.

A Galiza, advirte Adega, chegou aos obxectivos da UE para 2030 en materia de produción enerxética a través de renovábeis e xa produce tanta electricidade como a que consome, exportando anualmente arredor do 30% da electricidade producida.

Porén, é un dos territorios do Estado con máis de 200 proxectos eólicos en tramitación promovidos, tanto pola Xunta como polo Estado, que en total suman arredor de 10.000 MW de potencia.

“A exigua Rede Natura de Galiza, que non chega ao 12% do territorio, e a nosa característica dispersión poboacional implicará ademais fortes impactos ambientais e sociais irreversíbeis”, pon de manifesto a asociación, que alerta do importante deterioro de ecosistemas chaves para afrontar a mudanza climática tales como matogueiras, brañas, turbeiras e outras zonas húmidas.

Moitos dos proxectos, afirma, afectarán a mananciais, nacentes de auga ou ríos e alterarán espazos que son acubillo dunha ampla comunidade de especies animais e vexetais de interese comunitario.

Neste contexto, Adega empraza as Administracións con competencias a definiren un modelo enerxético alternativo ao actual, que define como “espoliador, antisocial e antiecolóxico”, e aprobar aqueles que respondan os 3’s da enerxía: soberana, social e sustentábel.

Enerxía soberana

A respecto da enerxía soberana, a asociación sinala que as boas condicións que ofrece a Galiza para a produción eólica “sitúanos no punto de mira das empresas eléctricas, ao igual que aconteceu hai décadas coa construción dos grandes encoros”. “Aínda aceptando o principio de solidariedade enerxética, defendemos que debe primar a produción para consumo interno por riba da sobreprodución para demanda externa”, agrega.

Adega aposta nas instalacións “a pequena e media escala que permiten achegar os centros de produción aos de consumo, reducindo así a perda de enerxía derivada do transporte a longa distancia, e o fomento da desconexión da rede eléctrica controlada polo oligopolio do sector”.

Enerxía Social

En relación á enerxía social, lembra que a produción enerxética está en mans dos grandes capitais “rexida por principios de rédito económico e especulativos” e que “deixa fóra da ecuación a calidade de vida e os intereses das persoas afectadas pola eólica”.

“Defendemos un modelo que contribúa á economía local así como a socializar os beneficios, por exemplo, a través proxectos enerxéticos de xestión pública ou de comunidades enerxéticas locais”, recolle a entidade ecoloxista.

Enerxía Sustentábel

“O principal camiño a percorrer debe ir na dirección de reducir o consumo e axustar a produción eléctrica á demanda, evitando poñer a produción eólica ao servizo da especulación”, defende Adega, que pide liberar o rural de virar nun “macropolígono industrial coa escusa de ser a despensa eléctrica das cidades”.