Adega urxe anular a autorización ambiental "express" para agrandar a balsa de residuos perigosos de Alcoa
A Consellaría de Medio Ambiente, a través da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental aprobou a Declaración de Impacto Ambiental do proxecto de Alcoa para alzar a balsa mineira de lodos vermellos desde os 100 até os 104 metros sobre o nivel do mar. "En apenas catro meses e con só 17 páxinas, a administración resolveu autorizar un proxecto que atinxe a instalación mineira de maior risco da Galiza, deixando sen resolver importantes cuestións relativas á seguridade e efectos na saúde dos refugallos alí almacenados e demorando aínda máis a aprobación dun plan de feche e restauración obrigatorio por lei" censura a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza nun comunicado.
O proxecto para elevar a balsa, xunto co de feche e restauración, iniciou a súa tramitación en agosto de 2022 coa exposición pública. Non foi até o 11 de xuño de 2024 que Minas enviou a Medio Ambiente o expediente para o trámite ambiental. Así, despois de case dous anos "sen mover un papel e en apenas catro meses", Avaliación Ambiental resolveu o trámite e emitiu unha DIA favorábel o pasado outubro, un prazo que chama a atención de Adega e que avisa da "celeridade" con que se redactaron e incorporaron os informes preceptivos doutros departamentos da Xunta da Galiza como Patrimonio Natural, Augas, Emerxencias, Medio Rural ou Mar.
Avaliación incompleta
Malia a térense tramitado de forma conxunta os plans de ampliación e restauración, a autorización ambiental emitida atinxe unicamente ao primeiro. Sobre o segundo, a DIA recolle que deberá achegarse un ano antes de que remate a vida útil da balsa. Neste sentido Adega sinala que con todos os recrecementos previos da balsa, autorizados en 1986, 1995 e 2006 a empresa non achegou ningún proxecto de feche e selado. O primeiro que presentou foi en 2014, modificado en 2015 e 2019, "mais nunca se fixo público porque a Xunta denegou a Adega. Así que temos unha instalación mineira que dende hai máis 40 anos non ten un plano de restauración aprobado formalmente, maila a ser obrigatorio por lei. E agora o presentado xunto co recrecido semella non valer e demórase até arredor de 2029".
Desde Adega advirten tamén que o alcance da autorización ambiental non inclúe os aspectos de seguridade das instalacións, estabilidade xeotécnica, de seguridade e saúde no traballo, de minería, estradas e outros, malia a estaren incluídos no estudo de impacto ambiental (EIA) do proxecto. "Trátase pois dunha DIA incompleta, que ignora factores chave para determinar o impacto ambiental dunha instalación de alto risco para o ambiente e a saúde humana".
Residuos perigosos
A balsa contén desde hai catro décadas residuos, fundamentalmente lodos vermellos procedentes da produción de alúmina cuxa catalogación procurou afastarse da consideración de materiais perigosos, "de feito, no EIA do proxecto de recrecemento a empresa seguía a catalogar as lamas vermellas como 'non inertes, non perigosas'", porén durante a tramitación produciuse un cambio das propiedades do residuo almacenado, considerado agora 'irritante' e 'corrosiva' dúas substancias almacenadas que implican a caracterización das lamas vermellas como residuos perigosos.
Esta nova consideración obriga a empresa a modificar o Plan de emerxencia interior e, a Administración a revisar o Plan de emerxencia exterior. Ademais, Saúde Pública require unha caracterización completa dos residuos localizados no vaso, que deberán ter a consideración de residuo perigoso e seren tratados como tal.
Tamén se solicita un estudo da xeohidromorfoloxía do depósito de cara unha futura modificación dos parámetros da autorización de vertedura por parte de Augas da Galiza. Finalmente, Patrimonio Natural esixe á empresa que presente un sistema independente dun mantemento activo sine die para garantir a ausencia de impactos unha vez clausurado e abandonada a actividade: "Débese incorporar un deseño que garanta que os impactos, ordinarios ou accidentais, non teñan posibilidade de acontecer, xerando un sistema que non sexa dependente de actuacións antrópicas de maneira indefinida".
Nova DIA
"Desde ADEGA preguntámonos como se pode conceder a autorización ambiental a un proxecto que, no medio da tramitación, modifica as características do principal axente contaminante e provoca que varios departamentos da administración requiran novos estudos e actuacións".
Estes requirimentos, advirte a entidade ecoloxista deberan ser "sempre" previos á DIA e non estaren incorporados como condicionantes nunha declaración favorábel. De acordo coa Lei de avaliación ambiental, "esta DIA debería ser considerada nula e a empresa debería presentar un novo estudo de impacto ambiental".