Denuncian danos reiterados no Camiño do Norte a Santiago por unha canteira

Extensión da canteira e treito do Camiño de Santiago que discorre canda ela. (Foto: Adega)
"Patrimonio comproba novamente os feitos denunciados e, no canto de actuar contra os responsábeis, comeza un proceso para descatalogar os bens patrimoniais do monte da Trinidade argumentando a inexistencia destes bens", denuncia Adega.

Adega e Mariña Patrimonio veñen de solicitar ao comité español do Consello Internacional de Monumentos e Sitios da Unesco (Icomos) que investigue o impacto que está a provocar no Camiño do Norte a Santiago a empresa Canteras Santa Cecilia. Segundo denuncian, esta compañía ten actuado dentro do territorio histórico do Camiño, Patrimonio da Humanidade, co fin de facilitar a futura ampliación da canteira do monte da Trinidade, en Mondoñedo e Lourenzá, "onde están catalogados e, teoricamente, protexidos o Castro de Flores, o Castro da Trinidade e o Camiño de Santiago".

A súa solicitude ten orixe na denuncia dun veciño de Mondoñedo ante a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural en 2008. Foi a primeira alerta de danos no castro da Trinidade por mor dos labores mineiros que se estaban realizando ilegalmente nesa zona protexida.

Após unha inspección apareceron restos arqueolóxicos, entre os que destaca un machado votivo de bronce que ten representado un torques e malia que Patrimonio comprobou a veracidade dos feitos denunciados, afirman nun comunicado, "non actuou contra a canteira nin protexeu o citado ben patrimonial", recalca Adega.

Máis denuncias

En 2016 a Asociación de Fabricantes de Formigón Preparado informou de posíbeis danos ocasionados pola canteira noutro xacemento catalogado, o castro de Flores, dentro do territorio histórico do Camiño do Norte.

"Patrimonio comproba novamente os feitos denunciados e, no canto de actuar contra os responsábeis, comeza un proceso para descatalogar os bens patrimoniais do monte da Trinidade argumentando a inexistencia destes bens". Ese mesmo ano a canteira sinalada presenta un proxecto de expansión que afecta directamente os castros da Tinidade e Flores así como o territorio histórico do Camiño.

Adega e Mariña Patrimonio presentaron a súa primeira denuncia conxunta por estes feitos no ano 2017, momento no que tamén levan á Fiscalía o intento de descatalogación dos bens patrimoniais no monte da Trinidade. En 2019 e 2020 as entidades ecoloxistas presentaron novas queixas por movementos de terras, explanacións, entullos, acumulación de estériles mineiros e a construción dun muro de contención.

Agora, malia a constatación do impacto e o anuncio de apertura dun expediente sancionador "non se coñece a resolución deste procedemento", polo que acoden á Unesco para que determine "como afectará ao Camiño do norte o proxecto de ampliación da explotación mineira".