Adega alerta do proxecto de captación hídrica de Altri: "Fai augas por todas partes"

Unha das fincas de Agolada (Deza) afectadas polo proxecto de canalización de auga de Altri. (Foto: Nós Diario)
A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) vén de avaliar o proxecto que a pasteira Altri presentou en Augas para a concesión de 46.000 metros cúbicos (m3) diarios.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) vén de avaliar o proxecto que a pasteira Altri presentou en Augas da Galiza para a concesión de 46.000 metros cúbicos (m3) diarios. Esta “enorme demanda condicionará os demais usos da auga en toda a bacía nun contexto de mudanza climática que a empresa esqueceu considerar”, indicou Adega.

A peticionaria compara o volume da captación (16,79 hm3/ano) coas aportacións naturais acumuladas que chegan ao encoro de Portodemouros, pero “faino dun modo errado porque non ten en conta todos os usos acumulados da bacía, tan só os do propio encoro. Na documentación do proxecto tampouco hai información sobre a magnitude, frecuencia ou estacionalidade do réxime de caudais do efluente, e descoñécese o caudal que se consumirá nos diferentes procesos da fábrica xa que a empresa só achega aproximacións”, acrecentan.

O volume máximo do encoro empregado pola empresa como referencia “non é un valor representativo para contrastar o que representa o caudal solicitado”, engades. Aliás, aseguran que o “promedio da serie de datos é de 182,3 hm3 (181,9 hm3 tomando a serie segundo o ano hidrolóxico desde 1/10/1988 até o 30/09/2023), polo que o caudal solicitado supón 9,2% sobre o encoro, unha cifra moi alarmante e lonxe dese 1%-2% que presenta a peticionaria”.

Este feito, unido a que concesión non se solicita no muro do encoro senón case no cabo deste, e nunha zona que soe ter moitos problemas de descenso da cota durante a estiaxe, fará, de acordo con Adega, que en moitos momentos do ano haxa problemas de abastecemento, debido á grande estacionalidade que presentan os ríos da bacía.

E finalmente, “tampouco se tiveron en conta os escenarios de cambio climático nunha concesión a 75 anos”. Porén, no Plano Hidrolóxico de bacía afírmase que “[...] Deben de se estimar os efectos do cambio climático para un escenario que se fixa no ano 2039. O resultado, en xeral, prognostica unha redución de recursos hídricos que irá acentuándose conforme avance o século XXI, polo que será máis acusada no último período de impacto (2070-2100). E en concreto, para este sistema de explotación, prevese unha diminución do recurso para o ano 2039 de -8,39%”.

“O encoro de Portodemouros, pretendido subministrador de auga para Altri é unha masa de auga que incumpre o potencial bo estado (estado ecolóxico moderado), contrariamente ao requirido polo PHG-C para o actual ciclo de planificación (2021-2027). De feito a principal presión que impide a consecución deste obxectivo é precisamente a contaminación orgánica causada polas verteduras”, salientan desde Adega.

Encoro eutrófico

Segundo a normativa sobre contaminación difusa das augas, o encoro de Portodemouros está clasificado como eutrófico, o que significa que ten un exceso anormal de nutrientes que provoca o crecemento de cianobacterias, en moitos casos tóxicas como as Microcystis, e que determina a prohibición recorrente dos usos recreativos no vaso.

Coa fin de preservar o seu estado trófico, “deberían limitarse aquelas actividades que poidan supor un enriquecemento en nutrientes, polo que non se debería aceptar outra presión máis que supoña precisamente iso, e menos un uso industrial, que modificará tanto a calidade das augas como a totalidade dos elementos do réxime hídrico”.