Adega alerta do risco ecolóxico se Naturgy une os encoros limiaos das Conchas e Salas

Vista aérea do río Limia ao seu paso polo encoro das Conchas. (Foto: Nós Diario)
A organización ecoloxista denuncia que o proxecto da central de bombeo que pretende facer a eléctrica viola a Directiva Marco da Auga.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) fixo público esta cuarta feira un comunidado para mostrar a súa repulsa á petición de Naturgy de prorrogar a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) para unir os encoros limiaos das Conchas e Salas mediante unha central de bombeo en caverna.

Unha proposta da que Adega explica que suporía “máis de seis anos de obras baixando o caudal ao mínimo nos dous encoros durante meses”.

Adega tamén denuncia que, de concedérselle a Naturgy o que está a pedir repartiríase “máis dun millón de metros cúbicos de entullos na Reserva da Biosfera Gerês-Xurés, a razón de 327 viaxes de camión diarias”, e contaminaría o encoro de Salas con augas eutrofizadas procedentes do das Conchas.

Así mesmo, a organización ecoloxista explica que a obra daría lugar á eliminación de 153 hectáreas de hábitats e alteraría a contorna “das escasas parellas de aguia real que quedan na Galiza”.

Neste sentido Adega denuncia que as obras proxectadas produciríanse “totalmente dentro da zona de transición” da reserva Gerês-Xurés e afectarían a proposta de ampliación da Rede Natura 2000 para este espazo.

En canto aos hábitats, os ecoloxista explican que se verían afectados “12 hábitats europeos, tres deles prioritarios” e as hectáreas eliminadas serían ocupadas por 7 zonas de depósito para 1.175.000 metros cúbicos de entullo.

O proxecto afectaría 23 especies incluídas no catálogo de Especies Ameazadas, oito delas consideradas "vulnerábeis" e cinco "en perigo de extinción". A pesar de todo isto Adega denuncia que “a Xunta informou favorabelmente ao Ministerio”.

“Ademais, este proxecto incumpre a Directiva Marco da Auga e o disposto no Plan Nacional de Enerxía e Clima 2021-2027”, explican desde Adega, e “todo isto para que Naturgy, siga a espremer dúas concesións franquistas até esgotar os 99 anos de vixencia” da mesma.

Encoro de Salas en perigo

“Quizais a maior barbaridade ambiental que provocaría o proxecto sexa a contaminación do encoro de Salas”, alertan. A contaminación produciríase polas augas eutrofizadas do encoro das Conchas.

"En 2011 a Confederación Hidrográfica Miño-Sil atribuíu a contaminación por cianobacterias nas Conchas a "causas naturais”, “se agora o Ministerio non declara a caducidade da DIA estará a ser cómplice do incumprimento deliberado da Directiva Marco da Auga para beneficiar ao oligopolio eléctrico”, sentenza Adega.