Adega advirte de que hai “indicios” da reactivación do proxecto mineiro de Touro

“A Xunta dá osíxeno á mineira autorizándolle a desviar temporalmente tres regos en espera dun novo proxecto”, alertan os ecoloxistas.

Augas de Galiza aproba o transvase temporal por 7 meses das augas de tres regatos contaminados á balsa de Vieiro, “dando á mineira de Touro marxe para buscar unha "solución definitiva" ás augas contaminadas”. Afírmao Adega, que indica que esta precisamente era a proposta que Explotaciones Gallegas S.L., socia de Atalaia Mining no proxecto de Touro, presentou á Xunta “para abordar a contaminación provocada polas augas que proveñen das instalacións da antiga mina”. Para os ecoloxistas, “todo aponta a que outro proxecto mineiro está ao caer...”

Os regos Portapego, Felisa e Angumil drenan as entulleiras achegando acidez extrema e altas cantidades de metais pesados á bacía do Ulla, explica Adega nun comunicado.

A idea da mineira, aseguran, era desviar estas augas á balsa de Vieiro, que tería capacidade para acollelas só durante uns meses meses: “algo así como agochar a contaminación debaixo da alfombra... “

“Sobre o que acontecerá con esas augas logo dese tempo, se rematarán os bombeos voltando á situación actual ou se manterán enviando as augas contaminadas a outra balsa, nada se di. Tampouco se ten en conta que a balsa de Vieiro ten importantes filtracións que chegan ao río Brandelos, co que a contaminación duns regos vaise trasladar a outros”.

Adega considera que con esta decisión Augas de Galiza vén de autorizar este proxecto de drenaxe temporal para dar á mineira (cita literal) "un pouco máis de marxe temporal para elaborar e executar o proxecto de drenaxe, tratamento e control de augas definitivo".

Este proxecto definitivo deberá presentarse aos tres meses de iniciadas as obras da drenaxe temporal, para cuxa execución Augas dá un ano de prazo.

A DIA (Declaración de Impacto Ambiental) negativa emitida pola Xunta en xaneiro deste ano, baseábase nos informes desfavorábeis de Augas de Galiza, lembra Adega.

Neste senso, consideran, a autorización deste proxecto de drenaxe temporal “ben pode ser parte dun novo intento da empresa de reabrir a mina de Touro. De entrada, dálle un prazo máximo de 18 meses (12 de execución e 6,8 de operación) para ir elaborando un novo proxecto de explotación”.

Adega lembra que no seu día xa advertiu que unha DIA negativa non significaba “a fin da ameaza mineira”.