Adega advirte da débeda ambiental de Alcoa: unha balsa de lodos contaminantes

Planta de Alcoa e balsa de lodos vermellos en San Cibrao segundo a ortoimaxe máis recente do PNOA. (Foto: SGHN).
No décimo aniversario do accidente da fábrica de aluminio de Ajka, en Hungría, a asociación ecoloxista defende que Alcoa non pode marchar sen pagar a súa "débeda ambiental" coa Mariña, para evitar, tamén, que sexa a sociedade galega quen teña que asumir o seu impacto.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza, Adega, advirte de que Alcoa "non pode marchar" de San Cibrao sen saldar a súa "débeda ambiental" coa comarca da Mariña polo impacto da súa balsa de lodos tóxicos.

A balsa de Alcoa en San Cibrao acubilla unhas 40 veces máis lamas que as que se verteron en Hungría no derrubamento de Ajka en 2010.

Adega mantén que, actualmente, esta balsa aínda non conta cun proxecto de selado e clausura definitivo, nin tampouco cun plan de descontaminación.

Coincidindo co décimo aniversario do desastre ambiental provocado polo derrube da balsa de lodos vermellos de Ajka, en Hungría, o 4 de outubro de 2010, avisa de que os riscos existentes no caso de San Cibrao son "reais" e poderían ocasionar "consecuencias moito máis catastróficas que no caso húngaro", xa que a balsa de Alcoa acubilla unhas 40 veces máis lamas que as que se verteron en Hungría.

Todo isto, incide, ante a pasividade da Xunta, que en xullo deste ano denegoulle a Adega acceso ao proxecto de selado e clausura da balsa de lamas vermellas de Alcoa, alegando que se atopaba "en curso de elaboración". 

Un documento chave

"A tramitación deste proxecto, chave para garantir unha correcta restauración e fechamento da balsa, comezou en 2006 cun anteproxecto ao que seguiu un proxecto en 2014, unha addenda en 2015 e unha actualización en 2019, probabelmente para atender aos sucesivos recrecementos da balsa".

Pasaron 14 anos, e con Alcoa a piques se marchar, sinala a asociación, "tecnicamente", a Administración aínda non conta co "documento que debería recoller as actuacións, condicións técnicas e garantías para que a balsa non supoña un perigo para a contorna logo de rematada a actividade".

O volume de auga que recolle a balsa na Mariña é seis veces superior ao previsto.

Adega sostén que o volume de auga que recolle a balsa na Mariña "é seis veces superior ao previsto", o que provoca que a depuradora "non teña capacidade para tratar o volume sobrante". "Por este motivo, desde o ano 2017, a Xunta autorizou a Alcoa a verter máis auga ao mar e con maiores cantidades de  flúor".

O colectivo ecoloxista lembra, ademais, que, "cando menos en 2018 e 2019", rexistráronse "numerosos episodios de importantes deficiencias no funcionamento da balsa: altos contidos de  flúor na auga embalsada; bombeos que funcionan por baixo do requirido; insuficiente tratamento de lixiviados; aumento de filtracións ou rexistro de perigos de aproximación de auga aos diques de contención".

Obrigas ambientais

Para afrontar a súas obrigas ambientais fronte a eventuais accidentes, apunta Adega nun comunicado, Alcoa tan só ten presentado un aval bancario duns 5,7 millóns de euros aos que habería que sumar un seguro de responsabilidade civil doutros 5 millóns de dólares por sinistro e ano. "Sobre os custos de restauración da balsa, a empresa di ter unha reserva de cartos na súa contabilidade -cartos virtuais- por importe de algo máis de 15 millóns de € e que caduca en 2025".

Así, explica a asociación, "se a empresa marchase sen facer fronte ás súas obrigas ambientais para a restauración da contorna afectada, logo de décadas de actividade, a Xunta só podería recuperar 5,7 millóns de euros do aval. E se houbera un accidente, só podería reclamar a Alcoa 5 millóns de dólares". 

Adega recorda que os custos do accidente de Hungría, no que morreron 10 persoas e houbo centos de feridos, supuxo para o seu Goberno un gasto de 200 millóns de euros, "polo que os avais e seguros contratados por Alcoa para resarcir un eventual desastre ambiental son insuficientes, e para acadar unha compensación xusta desde o punto de vista económico, a Administración tería que iniciar longos procesos xudiciais, como aconteceu co caso Aznalcóllar ou co Prestige, que xa todas sabemos como acaban", recalca.