Adega advirte de que a cría masiva de visóns na Galiza pode ampliar a dispersión da Covid-19

Un visón nunha granxa de cría. (Foto: WWF)
A entidade ecoloxista, que leva anos loitando polo feche das 26 granxas que hai no país (as tres cuartas partes do total do Estado), insta á Xunta a tomar medidas pola saúde da poboación.

A Asociación Ecoloxista Adega alerta de que a presenza dunha importante industria de cría de visóns na Galiza está a pór o país nunha situación de maior risco de dispersión do coronavirus. Ante esta situación, a entidade solicita á Xunta que ordene a clausura destes negocios que tamén implican “un elevado risco biolóxico”.

 

Segundo os datos que manexa Adega, Galiza concentra as tres cuartas partes das granxas de visóns que hai no Estado destinadas a fornecer de materia prima á industria peleteira. Os últimos datos indican que na actualidade hai 26 espazos de cría abertos.

 

Estas repártense da seguinte maneira: seis en Abegondo; catro en Carral; tres na Baña; dúas en Compostela e unha en Brión, Curtis, Agolada, Oia, Negreira, Rois, Lalín, Oza-Cesuras, Palas de Reis, Sobrado e Pontevedra.

 

Ante este negocio, o colectivo demanda ao Goberno de Alberto Núñez Feixoo que proceda ao feche de todas as instalacións. Xa non só polo benestar animal, senón porque os visóns implican “un elevado risco biolóxico para os ecosistemas” -xa se viu anos atrás con algúns exemplares que escaparon- e tamén teñen un papel importante “de dispersión de novas cepas da Covid-19”.

 

A teoría non é unicamente da entidade galega, senón que WWF denunciou o mesmo. Na zona hai moitas porque noutros países están prohibidas e o problema é que tamén hai visóns americanos que xa se crían en liberdade na Galiza.

 

Quer nas granxas, quer nos montes “o visón americano pode servir como vector de transmisión desta pandemia, unha vez contaxiado o virus por parte dos humanos ou doutros animais infectados”. Desde Adega inciden en que xa hai casos documentados da infección nestes animais e pode saltar ás persoas.

 

Neste contexto, os ecoloxistas volven demandar que a Xunta tome a decisión de fechar os criadeiros canto antes para evitar efectos á poboación.

 

Unha modernización inexistente

 

Recoñecen que sempre obtiveron unha resposta contraria da Administración galega, pero tamén lembran que “no Estado español, a partires de 2014, a estratexia de xestión, control e erradicación do visón americano recomendou fortalecer as medidas de contención e bioseguridade para as granxas”.

 

Os membros do colectivo acusan a moitas granxas de non terse modernizado e entenden que agora, máis que nunca, é preciso acabar con esta industria peleteira.