Adega acusa a Xunta de "axitar o espantallo do lobo" para "tapar as súas miserias"
A organización ecoloxista Adega rexeita a petición da Xunta da Galiza para levantar a suspensión cautelar da caza do lobo e acusa o Goberno galego de empregar o conflito como cortina de fume para agochar a súa inacción no rural e o seu apoio ao acordo comercial do Mercosur.
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) manifestou o seu apoio ao mantemento da suspensión cautelar da caza do lobo ditada o pasado ano polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) e opúxose frontalmente á solicitude presentada pola Consellaría de Medio Ambiente a segunda feira 26 de xaneiro para levantar esa medida.
A organización lembra que a suspensión foi acordada para protexer unha poboación en estado de conservación desfavorábel mentres o Tribunal Constitucional resolve o recurso interposto polo Defensor do Pobo contra a retirada do lobo da Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (Lesrpe). Segundo Adega, esa retirada produciuse mediante un artificio legal impulsado polo PP no Congreso —a través de emendas alleas á materia— e apoiado por Vox, Junts e PNV, á marxe do procedemento científico e administrativo que estabelece a Lei de Conservación da Natureza.
Para a entidade ecoloxista, esa decisión vulnera principios constitucionais de seguridade xurídica e non regresión ambiental, polo que confía en que o Constitucional a anule. Mentres iso non aconteza, sostén que a cautelar do TSXG é "totalmente acaída e imprescindíbel".
Adega cuestiona ademais o argumento da Xunta sobre un suposto incremento de danos atribuídos ao lobo. Denuncia que a Consellaría emprega datos en bruto e sen depurar, sen informes técnicos que expliquen as variacións nin avalíen factores como a mellora no rexistro de avisos, a maior difusión das axudas, o aumento das contías ou o efecto das campañas políticas contra o lobo desde a súa inclusión no Lesrpe en 2021. Tampouco existen, subliña, avaliacións recentes sobre a eficacia das medidas preventivas nas comarcas máis afectadas nin plans específicos nos puntos de recorrencia, onde a Xunta opta por reclamar controis letais en lugar de reforzar a prevención e as compensacións.
"Cortina de fume" para tapar o apoio ao Mercosur
A entidade considera que a reactivación do discurso alarmista sobre o lobo —incluídas declaracións sobre riscos para persoas maiores ou cans— busca desviar a atención do sector gandeiro das políticas rurais regresivas do Goberno galego. En particular, do seu apoio ao acordo UE–Mercosur, que, advirte Adega, ameaza a gandaría extensiva galega con importacións a baixo prezo e concorrencia desleal.
Segundo Adega, esta estratexia de "loias e cortinas de fume" alimenta o conflito social e dificulta a convivencia entre a actividade gandeira e a fauna salvaxe, ao boicotear solucións técnicas e científicas contrastadas. A organización reitera a súa defensa da protección integral do lobo como patrimonio natural da Galiza, insta o TSXG a manter a suspensión cautelar e exixe á Xunta que abandone o uso do lobo como chibo expiatorio para ocultar políticas que, ao seu xuízo, contribúen ao abandono e á desintegración do rural galego.

