Acusan o Porto de Vilagarcía de querer incumprir a protección do Goberno español para Sálvora

Unha campaña de voluntariado en Sálvora, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Adega)
O proxecto de dragado do acceso ás instalacións portuarias implicará a retirada de sedimentos que queren ser levados ao punto de vertedura situado preto da illa, que xa está clausurado. No entanto, Transición Ecolóxica pediu agardar até estudar alternativas.

A Autoridade Portuaria de Vilagarcía quere seguir a verter áridos na illa de Sálvora malia a prohibición expresa do Ministerio de Transición Ecolóxica sobre esta práctica que xa se viña facendo con anterioridade, que chegou o pasado mes de abril. É o que afirma a asociación ecoloxista Adega, que sostén que esta acción podería afectar tanto a nivel medioambiental coma económico.

A entidade acusa o Porto de querer deitar os residuos procedentes da dragaxe prevista na dársena e nos accesos ás instalacións portuarias -que estiman nuns 100.000 metros cúbicos de sedimentos formatos, sobre todo, con lamas- no punto de vertido de Sálvora malia que o Goberno español prohibiu tal actividade até contar con outras alternativas.

Ese punto de vertedura xa fora clausurado por Transición Ecolóxica ante as queixas de confrarías e agrupacións ecoloxistas e as advertencias dos riscos derivados de deixar alí restos das expertas do Instituto de Investigacións Mariñas.

Neste contexto, Adega lamenta que a pretensión sexa recuperar ese espazo próximo a un lugar como Sálvora para deixar materiais “con potencial contaminante” que pode ir desde “metais pesados a hidrocarburos”.

“O proxecto de dragaxe redactado en novembro de 2020 é anterior á decisión de suspender as actuacións de vertido en Sálvora tomada polo Ministerio de Transición Ecolóxica en abril de 2021. Porén, este organismo nin sequera debería ter admitido a trámite un proxecto que vulnera a resolución de non verter máis dragaxes no entorno natural até estudar outras alternativas con menos impacto”, destaca.

O colectivo vai máis aló ao asegurar que os estudos que apuntan a ese lugar de vertedura como o mellor dicindo que “descoñecen as cantidades reais vertidas xunto á illa e amosan importantes inexactitudes e contradicións”.

Se o documento fala de 1,3 millóns de metros cúbicos, Adega comenta que a Subdirección Xeral de Protección do Mar forneceu cifras que aluden aos 3,9 millóns de metros cúbicos procedentes dos portos estatais de Vigo, Marín-Pontevedra e Vilagarcía até 2017. Ademais, hai “outras verteduras das que non se teñen datos”.

Aliás, pensan, entre outras cousas, que non se teñen en conta os resultados que pode ter que os sedimentos entre en contacto con determinadas correntes mareais e de afloramento. En consecuencia, e para evitar males maiores, piden aos ministerios de Transporte -do que depende Portos do Estado, que á súa vez está por encima da Autoridade Portuaria de Vilagarcía- e de Transición Ecolóxica “máis seriedade e coordinación neste asunto”.