Acusan á Xunta de privatizar ‘’ás agochadas’’ servizos do Hospital de Ourense ata 2029

Os socialistas afirman que a licitación dos servizos de seguridade, limpeza, mantemento e subministro enerxético  faise nunhas condicións só asumíbeis para ‘’empresas foráneas’’.

A portavoz de Sanidade do PSdeG, Carmen Acuña, denunciou a nova licitación dos servizos do Hospital de Ourense, publicada no DOG  o 31 de decembro, que supón, afirma, “a súa privatización para os próximos 15 anos” e ademais “nunhas condicións nas que só poderán acceder empresas foráneas”. Esta decisión, lembran @s socialistas, coincide coa mellora do concerto co hospital privado vigués Povisa, que vén de ser blindado ata 2024.

Acuña advertiu que a licitación dos servizos de seguridade, limpeza, mantemento e subministro enerxético  do hospital de Ourense supón un “novo intento de Feijóo e a súa curmá, xerente do CHUOU, de privatizar o centro ao vender os servizos a cambio da súa construción, privatizando o Plan director”.

Para empresas non galegas

A parlamentar explica que este contrato, que polas súas características resulta vetado ás empresas galegas, supón un “novo ataque e desprezo de Feijóo ao tecido empresarial galego”. Ademais, apuntou, de acordo con este contrato, a empresa beneficiaria da adxudicación deses servizos terá que asumir o financiamento da construción do Plan Director do centro, e recorda que unha licitación semellante xa “fracasou rotundamente” o ano anterior.

A nova licitación, pasa de durar 10 a 15 anos, e por un importe de 225 millóns de euros cubrira a limpeza a seguridade o mantemento e o consumo enerxético dos edificios do Nai, do Cristal e Piñor, pero a cambio o contratista terá que poñer 14 millóns de euros para a construción do Plan Director do centro hospitalario.