O Sergas pagará á clínica privada Povisa 540€ por paciente atendid@ durante 8 anos

[Imaxe de arquivo]

A consellaría de Sanidade celebra nunha nota de imprensa que o novo convenio "garante a estabilidade do centro hospitalario e permitirá a libre elección para a súa poboación de referencia". SOS Sanidade Pública rexeitou xa o acordo e cifran o seu custo en 75 millóns anuais.


Até 540 euros por paciente atendid@ durante un periodo de oito anos, prorrogábel a dez. É a cantidade que sairá dos orzamentos da consellaría de Sanidade cara aos petos da clínica privada Povisa co cal a Xunta pretende "garantir a estabilidade deste centro hospitalario" namentres desmantela servizos nos centros públicos. A plataforma SOS Sanidade Pública alerta de que a renovación do concerto con Povisa deixa en mans privadas "toda a atención especializada" da área sur do territorio de Pontevedra, unha vez que comece a funcionar o novo hospital de Vigo. 

A tradución deste novo acordo, do cal a consellaría de Sanidade presumíu a través dunha nota enviada á imprensa e pendurada na súa páxina web, vén dicir que Povisa poderá seleccionar @s doentes que atende. O custo anual, que sairá das contas públicas, cífrao SOS Sanidade en 75.000 euros sen contabilizar nin o gasto farmacolóxico nin a factura emitida polos servizos de queimados, maxilofacial e cirurxía, cedidos pola Xunta á clínica privada. 

O Sergas paga a atención do 75% d@s doentes de Povisa

Povisa atende por volta de 100.000 persoas en virtude deste concerto coa Xunta que agora se renova. A listaxe de agarda que @s doentes teñen que soportar rolda os seis meses, motivo polo que a consellaría de Sanidade non a toma en conta para calcular a media de agarda na sanidade, que sitúa nos 59,5 días, para sinalar que as listaxes de agarda son menores hoxe do que en 2005.

SOS Sanidade sinala que a día de hoxe @s pacientes de Povisa agardan "o duplo" que nun hospital público. Máis do 75% des@s doentes son derivad@s á privada polo propio Sergas, que paga a correspondente factura. A comezos deste ano traballador@s desta clínica mobilizáronse contra os 200 despedimentos practicados pola dirección e que deixaron faixas horarias sen cobertura. En agosto encetaron máis mobilizacións en que denunciaron a precariedade das súas condicións laborais, precariedade extensíbel á atención que se estaba a dispensar aos e ás enfermas.