Acusan a Xunta de "ocultar" os datos da incidencia da Covid nas escolas

Alumnado do CEIP López Ferreiro de Compostela no inicio do curso escolar 2020-21 (Foto: Arxina).
Neste curso só se informará unha vez á semana dos novos contaxios.

Até o remate do anterior curso escolar, a Xunta da Galiza remitía aos medios de comunicación un boletín diario cos casos da Covid-19 rexistrados en cada centro de ensino entre a terza feira e o sábado.

Porén, no presente ano escolar enviará un único informe cada semana. Para a CIG-Ensino, o Goberno galego dá con esta decisión "un paso máis" na "ocultación" dos datos da pandemia.

"E todo isto ocorre sen que teñamos aínda un informe pormenorizado sobre os efectos da pandemia no curso pasado, por grupos de idade, sectores profesionais, zonas xeográficas, tipoloxía de centros, ratios das aulas afectadas...", lamenta nun comunicado o sindicato,

Igualmente lembra que o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, se comprometera a ofrecer esta información no Consello Escolar da Galiza do 30 de agosto de 2021.

Sen datos sobre os casos do profesorado

A CIG-Ensino pon tamén o foco nunha cuestión que xa se producira no curso 2020-21, a desagregación dos datos: "Só despois de que comezásemos a publicar os datos diarios de afectación, obtidos a través da prensa e non da consellaría, empezaron a enviar os boletíns, mais sen diferenciar en ningún caso se os contaxios eran do alumnado, do profesorado ou doutro persoal dos centros educativos", censura.

Aliás, a forza sindical lamenta a "total falta de transparencia na comunicación da incidencia" por parte da Consellaría de Educación "desde o comezo da pandemia".

A este respecto cómpre salientar, como xa informou Nós Diario, que a Xunta tampouco informa das infeccións das e dos traballadores das residencias de maiores e de atención á diversidade desde o pasado 16 de maio, ao consideralo un dato "innecesario".