Acusan a Xunta de frear a ampliación da Rede Natura en favor das eólicas

Acto na fin de semana na Groba. (Foto: SOS Groba)
O BNG e o PSdeG reclaman un "novo modelo eólico" 

A Xunta da Galiza está a "ultimar" os traballos de ampliación de Rede Natura, dixo hoxe a directora xeral de Patrimonio Natural do Executivo galego, María do Campo, en resposta a unha pregunta do deputado do BNG Luís Bará sobre a construción dun megaparque eólico na Serra da Groba con 7 parques e 48 aeroxeradores que chegan a unha extensión de 2.000 campos de fútbol, co dano engadido que supón que a instalación de cada muíño implica explanar 1.000 metros cadrados. 

Bará acusou a Xunta de ter bloqueada a ampliación da Rede Natura da Serra da Goba para precisamente agora tramitar na zona que aínda fica sen esa protección o novo megaparque eólico. Con todo, a directora xeral retrucou que cada proxecto está suxeito á avaliación ambiental.

O debate, que transcorreu na comisión de Territorio da Cámara galega saldouse coa aprobación dunha proposta do PSdeG que insta a Xunta a proceder á ampliación da Rede Natura, anunciada xa hai 10 anos polo Goberno galego. 

Ademais, no pleno da semana que vén, BNG e PSdeG porán sobre a mesa o seu cuestionamento ao modelo favorecido desde a Xunta para a implantación de proxectos de enerxía eólica.

De facto, o viceportavoz socialista, Pablo Arangüena, alertou da "excesiva proliferación de parques eólicos na Rede Natura", ademais do fraccionamento xeneralizado en "fraude de lei" duns parques que só deixan 5% do seu rendemento nos concellos afectados.

Nese sentido, exixirán un novo modelo eólico "con máis control, ordenación e menos portas xiratorias".

Aliás, o BNG defenderá no pleno "outro modelo eólico" cunha proposición que inclúe un deseño dun novo plan sectorial cunha aposta polas renovábeis nun proceso "que deixe atrás os combustíbeis fósiles e que produza riqueza na Galiza e non só beneficios para un oligopolio".