Mina de Touro e San Fins

Os colexios defenden os informes que avalan a mina de San Fins acusados de "plaxio"

Emermans na presentación do informe en Compostela [Imaxe: SG]

O movemento contra a mina de Touro e San Fins dirixiuse aos colexios oficiais de xeólogos e químicos após estes posicionárense en defensa do informe elaborado polo profesor Felipe Macías que avala estes proxectos mineiros. En relación a ese informe ContraMINAcción denuncia que se evidencian “plaxios, absoluta falta de rigor e manipulacións groseiras, co fin de eximir á concesionaria mineira do cumprimento dos limites legais para contaminantes”.

Desde o colectivo contrario ao proxecto mineiro en Touro e San Fins ContraMINAcción dirixíronse ao Colexio Oficial de Xeólogos e máis ao de Químicos para presentar unha protesta ante o comunicado conxunto que ambas entidades emitiron en resposta ao informe do Doutor Steven H. Emerman. Este doutor criticaba no seu estudo as análises do profesor xubilado da USC Felipe Macías que valeron de aval do proxecto mineiro de San Fins.

Emerman apresentou o pasado 27 de xuño, tal e como avanzou Sermos Galiza, un estudo crítico cos proxectos mineiros de Touro e San Fins. Nel sinalaba a falla de profesionalidade do estudo oficial co que se avalou o proxecto mineiro de San Fins e que foi elaborado á súa vez polo profesor xubilado da USC Felipe Macías.

Emerman sinalou falla de profesionalidade no estudo oficial co que se avalou o proxecto mineiro de San Fins e que foi elaborado polo profesor Felipe Macías

“Constatando que o pronunciamento dos colexios oficiais realizouse sen ter coñecemento dos informes en cuestión” din desde ContraMINAcción, remitiuse ao colexio de xeólogos e ao de químicos o informe oficial de abril de 2017, subscrito por Felipe Macías Vázquez, Carmen Nieto Olano, Ramón Verde Vilanova, Carmen Pérez Llaguno, Felipe Macías García, Luis Tapia del Río e David Romero Chouzas, “supostamente adscritos ao Laboratorio de Tecnoloxía Ambiental da Universidade de Santiago de Compostela”, afirman no comunicado de ContraMINAcción.

A entidade remitiu tamén aos colexios os informes de avaliación realizados polo equipo de Felipe Macías (sobre os que se asentan as conclusións presentadas polo Dr. Emermans). Desde ContraMINAcción consideran que os asinados por Macías “evidencian extensos plaxios, absoluta falta de rigor metodolóxico e procidemental e manipulacións groseiras, co fin manifesto de eximir á concesionaria mineira do cumprimento dos limites legais para contaminantes perigosos, alegando un ficticio fondo natural de metais” nas balsas de San Fins.

ContraMINAcción acusa os presidentes de ambos os dous colexios de procurar “desprestixiar abertamente a Emerman na súa calidade de consultor ao servizo de entidades públicas e ambientais galegas”. Así é que no comunicado emitido polos colexios sinálase que as análises de Emerman “carecen do rigor necesario xa que non é posíbel emitilas sen contar cos datos técnicos mínimos” e cualifican os resultados expostos polo doutor como “un xuízo de valor sesgado e parcial, máis propio dun postulado ideolóxico que científico.”

Os colexios manifestaron o seu “total desacordo coas afirmacións vertidas” por Emerman

Os colexios manifestaron o seu “total desacordo coas afirmacións vertidas” por Emerman en particular coas que critica o informe do profesor Felipe Macías.

ContraMINAcción dirixiuse ademais aos dous organismos sinalando que, mediante o feito de dar cobertura á actuación de Felipe Macías e a concesionaria mineira “non só están desprestixiando os colectivos profesionais que representan, senón que tamén vulneran as súas propias normas deontolóxicas”.

O estudo de Emerman

O doutor Steven Emerman apresentou o pasado 27 de xuño en Compostela no marco dun acto convocado pola plataforma Mina de Touro Non un estudo sobre os perigos que entraña para o medio e a poboación o proxecto mineiro en Touro e San Fins.

Sobre a mina de San Fins, en Lousame, aludiu a existencia de altos niveis de contaminantes nesta área. "Cando recibín os informes oficiais estaba confundido, non sabía se eran reais ou simplemente unha burla", afirmou Emerman, quen contradí así o informe oficial realizado polo profesor Felipe Macías e a USC nos que se xustifica a presenza de cadmio nas augas de maneira natural "a pesar de que están 35 veces por encima do nivel permitido", denunciou Emerman.

Emerman, profesor reputado da universidade estadounidense Utah Valley e con 31 anos de experiencia no ensino universitario en Xeofísica, ten elaborado para empresas mineiras e institucións públicas numerosos informes técnico-ambientais como consultor especializado en minaría, augas subterráneas e superficiais.