Xustiza

Un acusado de colocar cebos para cans con alfinetes en Ourense acepta un ano de prisión

Comida con alfinetes. (Foto: Europa Press)
O home queda inhabilitado durante tres anos para o exercicio de profesión, oficio ou comercio que teña relación con animais e para a tenza de animais e deberá pagar a indemnización que solicitaba o fiscal, próxima aos 6.000 euros. Un dos cans afectados por estes cebos morreu pola inxestión.

O home acusado de colocar cebos para cans con alfinetes en Ourense recoñeceu esta segunda feira ser o autor dos feitos e aceptou a pena dun ano de cárcere que pedía para el a Fiscalía por un delito de malos tratos animais. O caso xulgábase hoxe no Xulgado do Penal 1 de Ourense e, após aceptar a pena, queda suspendida durante dous anos coa condición de que non volva delinquir. Ademais, queda inhabilitado durante tres anos para o exercicio de profesión, oficio ou comercio que teña relación con animais e para a tenza de animais. Tamén deberá pagar a indemnización que solicitaba o fiscal —perto de 6.000 euros—.

Axentes de Policía Nacional da Unidade de Delincuencia Especializada e Violenta, en colaboración coa Comandancia da Garda Civil de Ourense, Servizo de Protección da Natureza (Seprona) e a Xefatura de Policía Local desta cidade, levaron a cabo desde principios do ano 2017 diferentes xestións, así como dilixencias de investigación para o esclarecemento de varias aparicións de anacos cárnicos de alimentación de animais, concretamente comida para cans, con alfinetes cravados no seu interior, en diferentes puntos da cidade de Ourense —rúas Quintián, Ramón Piñeiro, Sánchez Arteaga (Parque da Chapa) e Río Mao—, tipificado como un delito de maltratato animal e danos.

As autoridades tiveron coñecemento de varios delitos de malos tratos animais e danos desde o ano 2017, cando se recibiron en dous bares do barrio ourensán do Vinteún dúas cartas que ameazaban os propietarios por permitiren a entrada de cans nos seus locais. Posteriormente, desde 2019, apareceron en diferentes rúas das zonas pezas de carne con alfinetes.

En novembro de 2020 e, após recibir denuncias nas que se achegan facturas por gastos veterinarios por importe de 606,37 euros, nunha denuncia do 23 de febreiro de 2021 dáse conta dunha "inxesta dunha mascota de restos de carne con alfinetes na praza Don Bosco", destacan as mesmas fontes. Neste caso ascenden os gastos veterinarios a máis de mil euros. E o 28 de febreiro de 2020, por inxesta do mesmo tipo de cebos cárnicos na avenida de Santiago, os gastos veterinarios ascenderon a 172,40 euros.

Un dos cans afectados polos cebos envelenados faleceu

En 2020, as forzas de seguridade tiveron, ademais, coñecemento do falecemento dun can após inxerir un dos cebos envelenados. En atestado do pasado 12 de marzo de 2021 recóllense unhas cartas mecanografadas dirixidas a dúas persoas nos seus respectivos domicilios, cartas mecanografadas cos seus correspondentes sobres, nuns termos que, puntualizan as mesmas fontes, "son interpretadas como ameazantes cara ás súas persoas, pola defensa realizada por ambos a favor das mascotas e en contra da aparición dos numerosos cebos cárnicos con alfinetes". Foron remitidas á Brigada Provincial de Policía Científica para a súa análise e estudo.

Debido a todo iso as dilixencias de investigación perfiláronse na planificación da utilización dos medios técnicos destinados á identificación do presunto autor dos feitos que agora foron xulgados. Así, foron entregados a axentes da Policía Local en xuño de 2021 outros 25 cebos semellantes aos anteriores na rúa Río Mao e o 9 de agosto de 2021 outros similares no camiño peonil cara ao Colexio dos Salesianos. Mentres, o 14 de agosto realizouse outra entrega de axentes de Policía Local de bolsa con nove cebos achados no Parque do Peco.

Tamén se produciu, de forma esporádica, a aparición de anacos de comida para animais con alfinetes noutros lugares da cidade, concretamente no barrio do Couto. Con todo, a Policía destaca a zona do Vinteún como na que apareceron a maior parte destes cebos, polo que o dispositivo operativo formado pola Policía Nacional, Garda Civil e Policía Local despregou o seu labor nos puntos estratéxicos considerados na súa previa planificación de investigación, que levaron á comparativa e vixilancias concretas, no marco das que foi identificado o presunto autor do feito e finalmente detido.