O actual modelo horario xera na Galiza un aforro enerxético de tan só 2%

isposición actual da zona horaria. Benelux, Francia e España utilizan a hora de Europa Central (en verde). (Foto: Europa Press)

Durante a madrugada do sábado 29 ao domingo 30 deste mes, cando as agullas do reloxo marquen as 3 horas, haberá que volver ás 2. 'Nós Diario' analiza o desfase horario que sofre a Galiza co actual modelo e que só é superado polo oeste da China.

O debate para pór remate ao cambio de hora está de volta. Un grupo de especialistas traballa para elevar unha proposta á Consello da Unión Europa co obxectivo de que o organismo comunitario execute a súa decisión de non mudar o fuso horario. A maiores, desde a Galiza, unha parte dos expertos incide nos prexuízos que o actual modelo xera no país.

A Comisión Europea decidiu rematar co cambio de hora en setembro de 2018. Naquela altura, o presidente da entidade, Jean-Claude Juncker, propuña abolir os cambios estacionais nos horarios, deixando en mans dos Estados da Unión Europea a elección de ficar co horario de inverno ou co de verán. Porén, após meses de debates e consultas, o Parlamento europeo pediu “tempo morto” e os europarlamentares aprobaron en marzo de 2019 adiar cando menos dous anos, até 2021, a abolición da mudanza de hora estacional.

As urxencias da pandemia situaron nun segundo plano este debate, cuxas orixes remontan a maioría dos autores aos anos iniciais da II Guerra Mundial, cando todos os indicios apuntaban a un rápido trunfo no conflito bélico da coalición fascista liderada pola Alemaña de Hitler. Segundo esta tese, á volta de 1940, Francisco Franco modificou o fuso horario para adoptarse á hora alemá, a do meridiano de Berlín, no marco de relacións existentes entre a ditadura franquista e o réxime nazi.

A crise do petróleo

O cambio de hora no continente europeo non comezou a xeneralizarse até 1974. A súa aplicación fixo parte do paquete de medidas adoptado para confrontar a crise do petróleo iniciada no ano anterior. Neste sentido, a proposta tiña un carácter conxuntural, dirixida a aproveitar mellor a luz do sol e consumir menos electricidade en iluminación, sendo confirmada por unha directiva comunitaria de 1981. A norma acadou carácter definitivo após a aprobación da Novena Directiva do Parlamento Europeo e do Consello da Unión en xaneiro de 2001.

O debate para mudar o modelo horario está de retorno. Neste contexto, un grupo de especialistas do Estado español vén de lanzar ao Consello da Unión Europea un proxecto para facer efectiva a proposta da Comisión de 2019, mediante un plan de transición para acabar cos cambios de hora e fixar horarios naturais de xeito permanente no espazo comunitario. No caso concreto do Estado o colectivo formula dúas alternativas posíbeis.

Unha proposta de cambio de modelo

A primeira das opcións pasaría por non mudar ao horario de verán e ficar co horario de inverno, deixando para unha segunda fase, no outono, o paso definitivo á hora do Meridiano de Greenwich. A segunda das alternativas consistiría en unificar esas dúas fases, non cambiando ao horario de verán e restando unha hora no inverno. Sexa como for, os autores da proposta lembran que en 2016 Mariano Raxoi defendeu esta fórmula, recolléndose, tamén, no acordo do Goberno asinado polo PSOE e Ciudadanos.

As desvantaxes do actual modelo para Galiza teñen sido evidenciadas por diversos investigadores. Así, Lito Prado, un dos pioneiros no debate na Galiza, que ten defendido o seu cambio para adaptalo a Portugal afirma que os horarios estacionais supoñen un aforro, no Estado español, de 5 a 7%, en Barcelona de 7%, na Galiza de 2% e en París, de  13% e  14%. Na mesma liña, o divulgador científico e membro da Asociación astronómica Ío, Martin Pawley, sinala que no verán, Galiza conta con até 15 horas de luz solar, en tanto que no inverno ten 9.

Os prexuízos do desfase horario

O desfase horario provocado na Galiza co actual modelo só é superado polo oeste da China. Neste sentido, nalgún concello do occidente galego rexístrase co horario de verán, unha diferenza entre o mediodía solar verdadeiro e as 12 horas oficiais de máis de  160 minutos. Asemade, o horario de inverno supón na Galiza practicamente unha hora e media de desfase, tendo en conta que o mediodía solar, aquel onde o Sol se atopa a unha maior altura, cae perto das 13.30 horas, provocando 2 horas e 30 minutos de diferenza.