Actos de izado da bandeira galega para conmemorar os 105 anos da I Asemblea Nacionalista

Vía Galega chama a cidadanía a sumarse a esta iniciativa.

“Cubrir toda a xeografía galega de bandeiras”. Esta é a chamada que a plataforma Vía Galega fai para a semana do 13 ao 18 de novembro, a vindeira semana, para celebrar o a aniversario da I Asemblea Nacionalista.

Vía Galega vén promovendo diferentes campañas e iniciativas para propagar e popularizar “os símbolos nacionais, nomeadamente o himno e a bandeira”.

O ano pasado,lembran, “ inauguramos como semana de exaltación e exhibición da bandeira galega a semana coincidente co aniversario do desenvolvemento, durante o 17 e 18 de novembro de 1918, da I Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala”.

E este ano, que se fan 105 anos da efeméride, “retomamos a campañas dándolle continuidade ao traballo iniciado o ano pasado e, así, durante a semana do 13 ao 18 de novembro cubrir toda a xeografía galega de bandeiras galegas, engalanando fiestras e varandas”.

Esta campaña porá o ramo o día 18 de novembro cun “acto expansivo” en diferentes localidades de toda Galiza, que consistiría en colocar bandeiras galegas “en lugares vistosos para que perduren no tempo, a única bandeira que nos representa e nos identifica como galegas e galegos”.

Vía Galega subliña a “necesidade” de impulsar campañas para divulgar o uso dos símbolos da Galiza, “os únicos que nos identifican e recoñecen como pobo, que fortalecen a nosa conciencia e cohesión nacional e contrarrestan a invasión da simboloxía española”.