Os activistas poñen fin á ocupación simbólica da illa da Creba

Os activistas colocaron unhas enormes letras co lema reivindicativo «A Creba é do pobo».

Recabaron probas de ilegalidades que se están a acometer na Illa da Creba para denuncialas publicamente e poñelas en coñecemento das autoridades

O grupo de activistas organizados na Plataforma pola recuperación da Illa da Creba, que na mañá de onte, sábado 9 de xullo, tomaron a illa reclamando a súa devolución ao pobo galego, vén de informar que recabaron probas, a través de fotografías e vídeo, de ilegalidades que se están a acometer na illa.

"Desde a repoboación forestal con árbores non autóctonas, mesmo con algunhas especies invasivas, a pavimentación ilegal na liña de costa, co  levantamento de valados de cemento na mesma, pasando polo mantemento da construción do dique de abrigo, que ten unha sentenza firme de derrubo que non foi executada, até as propias construcións de instalacións hoteleiras e anexos ás mesmas, e moitas máis" explicou Rodrigo Molinos, "Bolato", voceiro da Plataforma.  

Bolato salientou que "ao grave feito de que a illa fose privatizada súmaselle agora a impunidade coa que os actuais propietarios están actuando, ao marxe completamente da lei, especulando e danando o ecosistema da illa, coa conivencia tanto do goberno do Estado como da Xunta" explicou.

Desta maneira, informan de que veñen de pór fin á ocupación simbólica iniciada no día de onte coa intención de pór en coñecemento das autoridades e denunciar publicamente todas as irregularidades detectadas. "Faremos todo o que estea na nosa man para frear esta desfeita" sentenciou Bolato.

Desde a Plataforma queren agradecer a participación da veciñanza de Esteiro que se achegou até a illa en diferentes embarcacións para sumarse a esta xusta reivindicación. "Con esta ocupación simbólica conseguimos pór o foco sobre a inxustiza que se está a acometer na Creba e que hoxe moitas máis  galegas e galegos coñezan o que aquí acontece. É un importante chanzo nesta loita de décadas para lograr que A Creba volte a ser pública para desfrute de todas as veciñas e veciños de Esteiro e do pobo galego en xeral. Seguimos na loita" concluíu Bolato. 

 

 

Privatizada en 1922

Cómpre lembrar que a veciñanza de Esteiro era a propietaria dos terreos comunais da illa até que no ano 1922 -aproveitando que non fora incluída no inventario do Concello de Muros- se inscribiu como ben privado, a favor de Tomás Canay Pérez e Encarnación Gerpe Cantorna, no rexistro do Concello de Outes. "A partir de aquí todo son irregularidades e aberracións permitidas tanto polo goberno do Estado como da Xunta de Galicia, como a construción dunha vivenda ilegal na illa no 1981 ou espigóns, rampla e recheos no ano 1989, ocupando 5.140 metros cadrados de dominio público marítimo terrestre” explica un portavoz da Plataforma pola recuperación da illa da Creba. 

Posteriormente, a illa foi vendida ao empresario Emilio Penas Gerpe, que construíu na illa un grande inmoble as ruínas da antiga capela -unha ermida dedicada á Nosa Señora da Creba, ademais de outras construcións -un peirao, ramplas e espigóns- que ocupan terreos de dominio público marítimo-terrestre. Ademais, como denuncian os protagonistas da “ocupación”, realizáronse plantacións de vexetación non autóctona e mesmo se incorporou un sistema de vixilancia para impedir a entrada na illa.

Segundo denuncian asociacións da zona, o peirao cambiou as correntes na illa, e a praia que antano servía para a extracción de ameixa, da que se aproveitaban os pósitos locais, xa non cumpre esta función.

A partir de 1990, presentáronse máis de 600 alegacións contra a construción do peirao. O pleno de Muros (concello ao que pertence a illa segundo o deslinde xeográfico) acordou non recoñecer a propiedade, mais a resposta era moi fácil, porque a propiedade estaba inscrita en Outes.

Ese mesmo ano, o 30 de abril e o 1 de maio, ten lugar unha primeira “okupación” da illa, encabezada polo propio alcalde de Noia naquela altura, Pastor Alonso, do BNG, un acto simbólico semellante ao que acaba de ter lugar esta fin de semana.

Unha resolución de Costas do Estado en 1999 denegou a ocupación de 2.870 m2 onde se pretendía desenvolver a legalización do peirao e, no ano 2000 nace o Comité veciñal, que loita pola "cualificación da illa como zona libre". No 2002 hai unha resolución da Audiencia do Estado español, que desestima o recurso administrativo dos titulares privados da illa, que son obrigados a "restaurar a situación previa". Porén, despois de moito traballo non se lle volveu a tocar á illa da Creba. 

A reclamación da titularidade pública da Creba volveu xurdir a partir do ano 2007, cando o Ministerio de Medio Ambiente adquiriu a Illa de Sálvora e, posteriormente, cando se recuperaron para uso público as illas de Vionta e Cortegada. 

Nos últimos tempos, construíse unha piscina e a illa permanece en aluguer en portais turísticos para a celebración de eventos, o que provocou unha nova vaga de denuncias. 

En maio deste ano, o grupo do BNG presentou no Parlamento galego unha proposición non de lei para reclamar a devolución da illa á titularidade pública. A proposta, defendida por Luís Bará, foi rexeitada pola maioría absoluta do PP, que argumentou que se trata dunha propiedade privada inscrita legalmente no Rexistro e que “non presenta valores naturais que xustifiquen a súa expropiación”.