Activistas pola filosofía celebran que a Xunta recupere parcialmente a materia

Activistas de Filosofía Si.

Activistas da plataforma Filosofía Si celebran que a Xunta recupere parcialmente a materia de Filosofía como obrigatoria no bacharelato de ciencias sociais e humanidades e como troncal optativa de oferta obrigatoria para os demais. “A medida é sen dúbida moi positiva e significa un importante paso adiante”, afirman nunha declaración remitida aos medios de comunicación.
 

Porén, as asinantes da declaración -Eva Garea, Carme Adán e Jorge Álvarez- engaden que “a gratificante medida non satisfai na súa totalidade o proposto pola proposición non de lei aprobada polo Parlamento”. Neste documento, apoiado unanimemente polos partidos con representación no Hórreo, solicitábase “o retorno de Historia da Filosofía como materia común para todo o alumnado sen distincións”.

 

Para as activistas, a filosofía “non é só necesaria para a consolidación de todo currículum, senón que a posición diferente nos bacharelatos de ciencias e de letras contradí o espírito desta materia e o seu propósito no consunto do saber”.

 

“Abrigamos a esperanza de que a propia Consellería de Educación o vexa deste modo e considere a importante medida adoptada non como a solución definitiva ao problema senón como un avance, se ben significativo, na súa procura”, explican, “e que, en coherencia, siga disposta a traballar nesa liña agora felizmente iniciada”.