ILP para ser materia troncal

Carme Adán: "A desaparición da filosofía no ensino sería letal para a sociedade"

As persoas promotoras da ILP no momento de a apresentar no rexisto [Foto: B.G.C.]

Carme Adán, Jorge Álvarez e demais membros da Comisión Promotora creada para este fin apresentaron esta quinta feira unha Iniciatica Lexislativa Popular no rexistro do Parlamento Galego. A proposta ten como obxectivo que historia da filosofía sexa de carácter obrigatorio no bacharelato.

Após as últimas modificacións no sistema educativo introducidas pola LOMCE, a filosofía ficaba relegada á categoría de materia optativa en segundo de bacharelato. Esta modificación do plan de estudos entraba en vigor o setembro pasado. A ILP rexistada esta quinta feira ten precisamente como obxectivo que a Historia da Filosofía sexa considerada materia troncal nos dous cursos de bacharelato, como vén acontecendo noutras comunidades como Catalunya e Aragón.

Nun encontro cos meios após rexistar a ILP, Carme Adán, profesora de Filosofía e ex deputada do BNG, afirmou que a filosofía desapareza do ensino sería letal para a sociedade. “A filosofía é moitísimo más que dar aulas, é unha forma de estar no mundo, é unha forma de pensar” declarou. Jorge Álvarez fixo referencia ademais á situación paradoxal que se está a dar na que cada vez se esixen máis coñecementos teórico-intelectuais mentres se despraza a filosofía que "non unicamente pero si especialemente, é a que máis pode aportar ao individuo". O grupo promotor concorda en que ser cidadáns críticos e coñecer a historia do pensamento debería ser un obxectivo do sistema educativo.

"Non pode desaparecer a filosofía das aulas, debe estar presente na sociedade, debe estar presente tamén nos parlamentos", Carme Adán

Esta iniciativa de carácter apartidario parte dun grupo de profesores e profesoras que constitúen o grupo promotor en colaboración cos membros da Facultade de Filosofía. Porén, Carme Adán declarou que a intención da comisión non é que esta proposta se limite só ao “gremio profesional”. 

O grupo promotor sinalaba, ademais, que non se trata dunha cuestión de postos de traballos ou horas de docencia senón de algo que vai moito máis alá: “O que está en risco é a saúde dunha sociedade que elimina a filosofía do seu sistema educativo”.

"A filosofía non é un contido máis senón que afecta a toda dimensión formativa existencial vital de cada cidadán", Jorge Álvarez

A Comisión Promotora proporá a todos os grupos parlamentarios que se una a esta iniciativa e a fagan propia. Pide ademais que a Consellaría de Educación traslade ao goberno de estado a necesidade de abrir o debate sobre o pacto educativo a respecto da situación da filosofía.