ECOLOXISMO

Unha acción contra as fumigacións constata en Melide a preocupación ''ante o perigo inminente de intoxicación''

Imaxe cedida pola plataforma
Acataron a prohibición do Goberno español de se manifestaren, mais acudiron á Foliada da vila para informaren a pé de rúa sobre as consecuencias das fumigacións aéreas cun pesticida prohibido, unha práctica que a Xunta avala e que está promovida pola patronal española do papel

Malia á prohibición expresa por parte do Goberno español da manifestación que Fumigacións non! tiña programada en Melide neste domingo, as organizacións que integran a plataforma achegáronse até a Foliada que celebraba este municipio para informaren a pé de rúa ás cidadás e cidadáns das consecuencias que terían as fumigacións aéreas contra o gorgullo do eucalipto con Flufexonuron, un pesticida prohibido na Unión Europea pola súa perigosidade e alta toxicidade.

Caracterizadas como abellas, apicultor@s e fumigador@s, varias persoas activistas pertencentes aos distintos colectivos que integran a plataforma puxeron en marcha unha alternativa á manifestación --acatando así a prohibición imposta pola Delegación do Goberno español na Galiza, que sinala na súa resolución que non entende a urxencia do evento-- e saíron ás rúas desta vila para dar conta dos perigos desta acción que se pretende practicar en todo o país promovida pola Aspapel --Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel e Cartón-- "en convivencia coa Xunta e con concellos coma o de Melide, que está a instar ás propietarias e propietarios de eucaliptais a conceder o permiso para ser fumigados", segundo informan desde Fumigacións non!.

Contra todo o anterior, repartíronse panfletos e fixéronse "performance" que serviron, a xuízo da plataforma, "para constatarmos a falta de información existente entre a poboación que vai sofrer directamente as fumigacións e a súa fonda preocupación ao coñeceren o que se lles vén enriba". Sectores profesionais "seriamente ameazados", como son as produtoras e produtores de mel e hortalizas ou as e os titulares de explotacións ecolóxicas, recibiron datos sobre as consecuencias "nefastas" que fumigar con Flufexonuron tería para o medio ambiente e a saúde das persoas e dos animais, "especialmente das abellas, que corren serio perigo de se extinguiren na Galiza se a Xunta autoriza" esta práctica. Así, segundo alertan desde a plataforma, sectores coma o da horta ou o da froita, amais do apícola, veríanse privados do seu principal axente polinizador.

"A urxencia estaba e está máis que xustificada" nun momento en que as fumigacións "son inminentes", cun pesticida que será prohibido o 1 de agosto pola súa alta toxicidade e que "poría en perigo todo o sector apícola galego, a saúde pública e o medio ambiente".