ECOLOXISMO

O Goberno español prohibe a manifestación contra as fumigacións de Melide

Tras coñecer a resolución, a plataforma Fumigacións non! acudirá á Foliada para facer unha acción informativa entre as cidadás e cidadáns deste municipio

A Delegación do Goberno español en Galiza resolveu "prohibir expresamente" a protesta convocada para as once da mañá do sábado en Melide en contra das fumigacións, por considerar que o permiso foi solicitado con pouco tempo de antelación, os colectivos que impulsan esta acción, integrados na plataforma Fumigadoras non!, dediciron armarse de sulfatadoras e presentarse na Foliada do municipio coruñés para faceren unha acción informativa entre as persoas que asistan a esta celebración.

Entenden que entre as veciñas e veciños de Melide abunda o descoñecemento ao redor do "atentado contra o ambiente" que van perpetrar algunhas madeireiras "coa complicidade da Consellaría de Medio Rural". Cómpre lembrar que foi este un dos primeiros Concellos en colaborar "aberta e contundentemente" coa campaña de fumigacións masivas con flufenoxurón que a patronal española do papel --Aspapel-- pretende levar a cabo nos montes de eucalipto. Dita substancia, principio activo do insecticida Cascade, prohibida para a venta pola Unión Europea debido á súa toxicidade, afecta especialmente ás larvas das abellas e pon en perigo a reprodución de moitas especies vexetais e cultivos.

Tal e como se recolle no escrito de denuncia presentado pola Plataforma ante a fiscalía de Medio Ambiente, en Galiza poden estar afectados polo gorgullo ás 100.000 hectáreas de eucaliptais --a cuarta parte dos existentes--. Isto implicaría utilizar unha disolución, como mínimo, duns 50.000 litros de Flufenoxuron e auga. A alta toxicidade do Flufenoxuron "fai conveniente a paralización da actividade que se denuncia, polo risco e afección que comporta".