Activada a prealerta por posíbel enchente do río Miño, xa desbordado nalgúns puntos

Desbordamento do río Miño no Muíño de Olga, en Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
desde a área de Transición Ecolóxica recoméndase evitar o tránsito peonil polo tramo do Paseo do Miño comprendido entre o Balneario de Lugo e o restaurante O Muíño, debido ao aumento do caudal do río ao seu paso pola cidade amurallada.

O Centro de Control de Conca da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil informou esta terza feira ao Concello de Lugo da activación da fase de prealerta ante a posíbel enchente do río Miño ao seu paso pola cidade amurallada.

Segundo os datos rexistrados pola estación do Sistema Automático de Información Hidrolóxica (SAIH) N001, situada no río Miño en Lugo, os niveis de auga superaron o limiar de prealerta, correspondente ao nivel laranxa. A evolución destes rexistros apunta á probabilidade de que se produzan situacións significativas de riada nas próximas horas.

De feito, en numerosas zonas da contorna do Miño a enchente xa se notou, asolagando os puntos habituais de desbordamento. Un deles é precisamente o Muíño de Olga, que está en obras para converterse nun centro de interpretación fluvial dependente da USC, e onde os operarios traballan contra o reloxo para retirar os aveños e maquinaria que poden ser danados pola auga.

Ante esta situación, desde a área de Transición Ecolóxica recoméndase evitar o tránsito peonil polo tramo do Paseo do Miño comprendido entre o Balneario de Lugo e o restaurante O Muíño, debido ao aumento do caudal do río ao seu paso pola cidade.

Así mesmo, as autoridades fan un chamamento á veciñanza para que se manteña afastada das zonas inundábeis próximas aos ríos e evite asumir riscos innecesarios que poidan pór en perigo a súa seguridade

Pero non só a cidade de Lugo está en alerta, xa que varios concellos polos que pasa o Miño están tamén con problemas de inundacións. O Club Fluvial de Begonte (A Terra Chá) é un dos afectados, así como numerosas estradas locais que se están cortado pola auga acumulada, con casos en municipios como Guitiriz, Cospeito, Vilalba ou Xermade, entre outros moitos.