O temporal deixa máis de 800 incidencias na Galiza e obriga ao rescate dun condutor en Portas

Desbordamento do río Verdugo en Ponte Caldelas, esta segunda feira 26 de xaneiro. (Foto: Alcaldía de Ponte Caldelas)
Crecida do Regueiro de Calvos, afluente do rio Gallo, en Cuntis. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
Desbordamento do río Lérez ao seu paso pola área recreativa de Lodeiro, en Campo Lameiro (comarca de Pontevedra), 0 26 de xaneiro de 2026. (Foto: Adrián Irago / Europa Press)
Desbordamento do río Lérez ao seu paso pola área recreativa de Lodeiro, en Campo Lameiro (comarca de Pontevedra), 0 26 de xaneiro de 2026. (Foto: Adrián Irago / Europa Press)
Desbordamento do río Lérez ao seu paso pola área recreativa de Lodeiro, en Campo Lameiro (comarca de Pontevedra), 0 26 de xaneiro de 2026. (Foto: Adrián Irago / Europa Press)
Unha ponte precintada após a crecida do rego de Calvos, afluente do río Gallo, en Cuntis (comarca de Caldas), o 26 de xaneiro de 2026. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
Varias persoas intentan suxeitar os seus paraugas, o 26 de xaneiro de 2026 en Santiago de Compostela. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
Dúas persoas batallan co vento en Santiago de Compostela, o 26 de xaneiro de 2026. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
Un coche circula chovendo en Cuntis. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
Inundación en Gondomar (comarca de Vigo). (Foto: Adrián Irago / Europa Press)
Inundación en Gondomar (comarca de Vigo). (Foto: Adrián Irago / Europa Press)
Inundación en Gondomar (comarca de Vigo). (Foto: Adrián Irago / Europa Press)
Dous operarios limpan un corremento de terra en Lourizán, Pontevedra. (Foto: Elena Fernández / Europa Press)
Dous veciños recollen restos vexetais arrastrados polo temporal. (Foto: Elena Fernández / Europa Press)
O encoro de Cecebre, en Cambre (comarca da Coruña). (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)
Inundación no río Deza, en Lalín. (Foto: Concello de Lalín)
As choivas persistentes e o vento continúan a causar problemas en boa parte do país, con inundacións, caídas de árbores e desbordamentos de ríos. O episodio meteorolóxico mantén activados os plans de emerxencia, cun chamamento á máxima precaución.

O temporal que afecta Galiza continúa a deixar un balance crecente de incidencias, con máis de 800 incidencias rexistradas até as 8 horas desta terza feira. Trátase dun episodio acumulativo de choivas persistentes que está a provocar inundacións, desprendementos e problemas de mobilidade en boa parte do país.

A maior parte das intervencións estiveron relacionadas coa caída de árbores e pólas nas estradas (82), inundacións en vías públicas (35), actuacións preventivas por risco (46), bolsas de auga (12), presenza de terra e pedras na calzada (21), cables tirados (15) e tamén inundacións en vivendas (8), entre outras incidencias menores.

Entre os concellos con maior número de actuacións destacan Vigo (31), Santiago de Compostela (21), Pontevedra (14), A Estrada (9), Outes (6) e Foz (3).

A xornada estivo marcada pola activación do Plan Inungal por parte da Xunta da Galiza, así como por desbordamentos de ríos como o Deza, o Verdugo ou o Gallo. En Vigo, o Concello fechou os parques de Samil, Castrelos, O Castro e A Riouxa, e segue vixiando a evolución dos ríos Eifonso e Lagares ante o risco de desbordamento.

En varios municipios, os alcaldes reclamaron medidas adicionais. O rexedor de Vilaboa, César Poza, solicitou á Xunta a declaración do nivel 2 de emerxencia e a suspensión da actividade lectiva para esta terza feira, tras unha mañá "chea de incidencias", con desbordamentos do río Riomaior e cortes de estradas. Unha petición semellante realizou tamén o alcalde de Cuntis, Manuel Campos. Porén, o Goberno galego respondeu que non se dan as circunstancias para elevar o nivel de emerxencia e confirmou que esta terza feira haberá clases con normalidade, logo da suspensión desta segunda feira en 16 concellos.

Rescate en Portas

Entre os episodios máis destacados da xornada figura o rescate dun home en Portas (comarca de Caldas). Segundo informou o 112, a Garda Civil e efectivos de Protección Civil tiveron que auxiliar a un condutor que quedou atrapado no interior do seu vehículo ao ser sorprendido pola auga cando atravesaba un camiño en Briallos, perto do albergue. O home foi rescatado en bo estado arredor das 20.20 horas, tras o aviso dado por Protección Civil de Cuntis.

Ademais, rexistráronse varios accidentes de tráfico, incluídos algúns múltiples, como o ocorrido na avenida de Alfonso Molina, na Coruña, pasadas as 15.30 horas, no que unha moza de 22 anos resultou ferida leve.

Datos meteorolóxicos

No apartado meteorolóxico, MeteoGaliza rexistrou refachos de vento de até 129,7 km/h no Penedo do Galo, en Viveiro (A Mariña). En canto ás precipitacións, o valor máis elevado correspondeu á estación de Muralla, en Lousame (comarca de Noia), onde se acumularon 115,4 litros por metro cadrado nunha soa xornada.

Coas alertas aínda activas e novas borrascas previstas, as autoridades manteñen o chamamento á precaución, especialmente en zonas próximas a ríos e en desprazamentos innecesarios.