Acordo entre Veterinari@s da Galiza e Brasil para impulsar estadías profesionais

Un encontro entre especialistas en veterinaria da Galiza e Brasil reunidos na Coruña abre o camiño a futuras colaboracións. As entidades dun e doutro lado do Atlántico crearán bolsas que faciliten o intercambio

A Coruña acolleu un encontro entre representantes do Colexio de Veterinarios da Coruña, da Fundación para o Avance Científico da Veterinaria de Galiza e do Conselho de Medicina Veterinaria de Santa Catarina (Brasil). Na xornada de traballo participaron pola parte galega: Xosé Uxío Rey Fernández (presidente do Colexio de Veterinarios da Coruña); Xuán Manuel Álvarez Llana (vicepresidente da Fundación para o Avance Científico de Galicia-Acivega); Jesús Juán Cantalapiedra, veterinario e tamén asesor desta fundación. A delegación brasileira estivo conformada polos doutores Paulo Roberto Costa Leite e Jorge Luiz Ramella

Coa idea de coñecer outras realidades para mellorar a propia, os representantes das tres entidades coincidiron na necesidade de intensificar os lazos e sentar os alicerces para que os profesionais dunha e outra beira do Atlántico poidan realizar estadías para ampliar coñecementos. Desde hai xa un ano existe un convenio entre o Consello Galego de Colexios Veterinarios e  o Conselho de Santa Catarina para facilitar estadías, mais agora intentarase buscar o apoio de institucións públicas dun e doutro país para que se creen bolsas que faciliten estas estadías profesionais.

Coñecemento científico
No ámbito da divulgación científica, a Fundación Acivega, que edita a revista Veterinaria Galega, comprometeuse a facer chegar esta publicación a Brasil e recoller tamén nas súas páxinas estudos que poidan ser de interese para os veterinarios dun e doutro país. Neste senso fíxose especial fincapé na proximidade lingüística entre galegos e brasileiros que facilita aínda máis o intercambio de experiencias.

Santa Catarina: Estado punteiro en produción ovina e avícola


O Conselho de Medicina Veterinaria de Santa Catarina conta con perto de 4.100 veterinarios colexiados. Este estado é o principal referente en Brasil en produción ovina e avícola. A delegación brasileira mostrou especial interese pola formación en acuicultura veterinaria. Ao remate da xornada de traballo os participantes no encontro achegáronse ata a clínica veterinaria coruñesa Del Sol para coñecer o funcionamento das instalacións.